DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión da rede ENDE, da que forma parte o profesor da UVigo Celso Cancela

Especialistas de doce países debaten en Pontevedra os retos da transformación dixital europea

Co propósito de definir unha serie de recomendacións, que trasladarán ás autoridades comunitarias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/09/2025

Financiada pola Unión Europea, a rede ENDE (European Network on Digitalization and E-Governance) ten como obxectivo afondar nas múltiples implicacións da transformación dixital da UE desde unha perspectiva interdisciplinar. Con ese propósito, agrupa especialistas de diferentes ámbitos, procedentes de 14 universidades e centros de investigación de doce países, que este luns e martes reúnense en Pontevedra, co propósito de pór en común as súas liñas de traballo. Coordinada pola Universidade Tecnolóxica de Tallín (TalTech), ENDE conta entre os seus integrantes co profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, quen explica que o obxectivo deste encontro é afondar nun conxunto de temáticas, agrupadas baixo “o paraugas común da transformación dixital”, así como abordar as futuras iniciativas a acometer ao abeiro desta rede, como a definición dunha serie de recomendacións, que trasladarán ás autoridades comunitarias.

ENDE ten como obxectivo contribuír á transición dixital europea a través da investigación e do desenvolvemento de métodos de análise innovadores e con ese propósito conta con especialistas de ámbitos como o dereito, a ciencia política, a gobernanza electrónica, a pedagoxía ou a regulación dos avances tecnolóxicos. A idea, sinala Cancela, é reunir “distintas perspectivas” respecto de cuestións como o desenvolvemento das plataformas de servizos dixitais, a soberanía dixital da UE, os efectos da dixitalización nos mercados ou as implicacións de avances tecnolóxicos como intelixencia artificial que, como lembran os responsables deste proxecto, “afectan a todos os ámbitos da sociedade”.

Da fenda dixital á lei europea de intelixencia artificial

Conformada por responsables dunha cátedra Jean Monnet da Comisión Europea ou dun centro de excelencia vinculado a aspectos dixitais, a quinta reunión desta rede ten lugar este luns e martes no hotel Galicia Palace. Coordinado por Cancela e Troitiño, este encontro serve para a posta en común dos estudos que están a desenvolver as e os seus integrantes e que afondan “en diferentes cuestións relacionadas coa transformación dixital”, tanto desde a óptica dos estados, como da UE “ou mesmo a nivel global”, salienta Cancela.

Así, nas presentacións que deste luns e martes abórdanse cuestións como o papel da socioloxía “no debate público no mundo dixital”, o “efecto Bruxelas” na regulación dixital, a lexislación en materia de protección de datos ou a indemnización por danos morais provocados por un vídeo viral segundo o regulamento de protección de datos da UE. Do mesmo xeito, as e os participantes afondarán tamén na lei europea de intelixencia artificial, na “adaptación dixital” dos partidos políticos, nas implicacións da “fenda dixital” en materia de dereitos humanos ou na “transformación dixital da educación superior”, eixe do relatorio de Cancela. Director, ao longo dos últimos catro anos, da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens: Adapting de EU to the digitalization challenges, o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 centrou o seu traballo nesta rede “en distintos aspectos vinculados coa soberanía dixital, coa aplicación do plan dixital da Unión Europea”, así como nesa transformación do ensino superior. 

Este encontro contou coa participación das universidades de Wroclaw, Sabanci, Palacky, Minho, Vigo e Macerata, da School of Advanced Studies de Nova Gorica, da Comenius University de Batislava e de TalTech, ás que se sumaron as intervencións por videoconferencia de investigadores das universidades de Boloña e Riga. Xunto a estes, en ENDE tamén están representadas as universidades de Valladolid e Turku, xunto co Instituto de Estudos Europeos de Belgrado.

A necesaria conexión coa cidadanía

Outro dos obxectivos da rede é o desenvolvemento dunha metodoloxía de medición do impacto da transformación dixital na UE, para o que están tomando como “guía", explica Troitiño, “o marco da dixitalización de Estonia, un dos países máis avanzados a nivel de políticas dixitais e relación dixital coa cidadanía”. Nese senso, aínda que non é posible establecer “unha comparativa exacta”, este traballo está a permitir a este “equipo multidisciplinar” constatar que o impacto da transformación dixital no conxunto da Unión Europea é, “por agora, bastante reducido”, como recoñece o coordinador de ENDE. “Non se chegou aínda aos límites que agardabamos, pero estamos convencidos que esa é a dirección”, sinala Troitiño, que incide en que un dos obxectivos da rede é a definición dunha serie de “recomendacións de en que campos é preciso unha maior integración dixital” para a Comisión Europea. Estas, engade, formularanse “partindo da perspectiva da conexión coa cidadanía”, que considera un aspecto clave para o futuro da UE. “Cada vez estamos avanzando máis na integración europea e o papel dos estados como intermediarios estase reducindo”, sinala o investigador de TalTech, para quen “a integración dixital pode axudar bastante” a promover un “sentimento de conexión ou de identificación a nivel cidadán-Europa”, xa que, do contrario, a UE “pode virse abaixo algún día”.