DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso da AEELH, co lema 'Mi casa está en frontera', reunirá en setembro 200 investigadores

Especialistas e escritores hispanoamericanos abordarán en Vigo o impacto das experiencias migratorias na literatura

Analizarán a expresión das diásporas no teatro, a narrativa, a poesía e os novos soportes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
DUVI 23/05/2018

Para as persoas que se ven obrigadas, por motivos económicos, sociais ou políticos, a emprender o camiño da emigración, as fronteiras acaban sendo parte da súa vida. Así o canta Jorge Drexler nun dos seus temas, “Yo no se donde soy, mi casa está en la frontera” e é tamén o lema do XIII Congreso da Asociación Española de Estudos Literarios Hispanoamericanos que se celebrará en Vigo, na Facultade de Filoloxía e Tradución, entre o 11 e o 14 de setembro. Esta será a segunda vez que este simposio internacional recale en Galicia, tras o seu paso en 2002 pola Coruña, e agárdase que nel participen arredor de dous centos de asistentes, principalmente docentes e novos investigadores de universidades española especializados en Literatura Hispanoamericana. Á fronte do comité organizador está a profesora Carmen Luna, acompañada por un equipo plenamente feminino formado por María Alonso, Cynthia Bodenhorst, Rocío Hernández, Gabriela Rivera e María Seijas, todas elas pertencentes ao grupo de investigación Elicin. Luna destaca que asistirán ao congreso “investigadores e profesores de países europeos como Portugal, Francia, Inglaterra, Polonia, Hungría, Alemaña e República Checa, pero principalmente de Italia e tamén haberá unha destacada representación de expertos e expertas latinoamericanos, "procedentes de Brasil, México, Uruguai, Arxentina, Chile, Venezuela, Bolivia”, así como de Canadá, EEUU ou Exipto". A docente recorda tamén que as persoas que quieran asistir ao simposio como oíntes poderán facelo. 

Camiños de ida e volta

O congreso Mi casa está en frontera. Caminos de ida y vuelta en la literatura y cultura hispánicas xirará arredor do fenómeno migratorio, moi vencellado á historia de Galicia e de Vigo, cidade da que durante séculos partían os barcos cara o continente americano. Posteriormente, o destino converteuse no punto de partida e Europa retornouse na meta para miles de persoas que deixaban atrás os seus fogares en América do Sur na procura dunha vida mellor no vello continente. Segundo as organizadoras, este fenómeno histórico e “de ida e volta” entre os dous continentes creou lazos fortes e complexos que se reflicten na literatura de ambas beiras do Atlántico. Precisamente, nesta décimo terceira edición do congreso de Aeelh as e os participantes poderán “comprender e analizar este fenómeno a través da literatura hispanoamericana e trazar liñas de conexión coas actuais migracións en Europa e América Latina”, sen esquecer os movementos migratorios entre países sudamericanos e entre estes e os EEUU.

Así, o programa académico do simposio convida á reflexión sobre a experiencia migratoria tanto na literatura como na vida e traxectoria das e dos autores. Para iso abordaranse o impacto dos fluxo demográficos transoceánicos en textos tanto narrativos, poéticos e teatrais, así como en obras autobiográficos e epistolares, deixando tamén un espazo aos novos medios e soportes como redes sociais e plataformas persoais como blogs.

Entre os temas centrais que se tratarán nos catro días de simposio, afondarase nos fenómenos migratorios nos textos literarios e analizaranse os mitos e imaxes da emigración na literatura hispanoamericana, a desterritorialización e a literatura na era da globalización, a construción literaria das identidades en movemento ou as migracións transfronteirizas e transculturais. Desenvolveranse tamén relatorios e mesas redondas sobre a literatura do exilio, os escritores emigrantes que se insiren no sistema literario do país de acollida, a experiencia migratoria nos xéneros tanto biográficos coma autobiográficos, a literatura transatlántica e a súa hibridación e intercambio cultural entre Hispanoamérica e Europa e a escritura migrante, afondando no seu canon literario e no ensino da literatura latinoamericana.

Conferenciantes convidados

Paralelamente, o congreso contará, como explica Carmen Luna, coa presenza de seis ponentes convidados de recoñecido prestixio internacional, entre eles a escritora e investigadora arxentina María Rosa Lojo será a ponente encargada de abrir congreso. Xunto con ela intervirán en diferentes relatorios Gabriela Wiener, poeta, ensaísta e xornalista peruana; Carolina Espinoza, xornalistas e antropóloga chilena; Pilar Cagiao, historiadora galega experta en emigración; Mirta Yañez, narradora, poeta e ensaísta cubana e Hugo Salcedo, dramaturgo e académico mexicano.