DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias

Especialistas estatais e internacionais afondarán nas bondades do consumo de aceite de oliva virxe

Será o día 7 de marzo na Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 14/02/2019

O día 7 de marzo o campus de Ourense, concretamente a súa Facultade de Ciencias, acollerá a celebración da xornada As bondades do consumo de aceites de oliva virxe. A cita, organizada polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, reunirá a especialistas estatais e internacionais, entre eles aos dous investigadores Highly Cited Researcher da institución académica, Jesús Simal, que participa no comité organizador, e Maurizio Battino, que participa como relator, co obxectivo de contribuír a unha mellor información e formación nun sector emerxente en Galicia.

Esta actividade de divulgación e transferencia do coñecemento, explican as e os seus responsables, enmárcase nas accións de dous proxectos de cooperación territorial europea Interreg V-A España Portugal (Poctep) 2014-2020 nos que participa o Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias, que son Nanoeaters e Iberphenol. “No noso grupo temos unha liña de investigación centrada na elaboración e caracterización de aceites de oliva virxe galegos así como no estudo das súas propiedades funcionais desde o ano 2009. Esta liña conta con grandes colaboradores noutras institucións, como as universidades de Castela-A Mancha, Córdoba, Granada, Bologna ou Porto, algúns dos cales participarán nesta xornada”, comenta Beatriz Cancho, coordinadora desta liña de investigación xunto a Carmen González e Jesús Simal.

Sobre a importancia de levar a cabo unha actividade, desde a organización indican como “na actualidade o sector oleícola perfílase como un sector socio-económico emerxente dentro da comunidade autónoma”. Así, sinalan, España é o principal produtor mundial deste produto e “malia que as principais zonas oliveiras españolas atópanse en Andalucía, ao longo dos últimos anos están xurdindo novas rexións que apostan polo cultivo deste aceite vexetal e pola explotación de variedades autóctonas e/ou foráneas a fin de elaborar aceite de oliva virxe de alta calidade”. Este é o caso, detallan, dos aceites elaborados en Galicia, onde rexorde a oliva galega como cultivo alternativo “probablemente debido ao cambio climático rexistrado nas últimas décadas, entre outros factores”.

Desde a caracterización á súa relación co envellecemento

A xornada, explican desde a organización, está destinada aos axentes da contorna interesados no aceite de oliva e pretende ser un punto de encontro entre estes axentes e a comunidade científica que traballa co aceite de oliva virxe, “produto que representa a principal fonte de graxa da dieta mediterránea e un dos seus piares fundamentais, destacando ademais polas súas propiedades saudables”. Os contidos que se abordarán na cita serán as variedades de olivas; a autenticidade deste aceite mediante técnicas baseadas en bioloxía molecular; a interpretación química da percepción sensorial do seu aroma; a importancia da cuantificación correcta dos seus compostos fenólicos e outros compostos bioactivos; o efecto anti-tumoral dos compostos fenólicos presentes no aceite de oliva virxe extra na liña celular humana MCF-7, do que falará Maurizio Battino, e a relación entre o aceite de oliva e o envellecemento.

Para abordar estas cuestións achegaranse ata o campus de Ourense ademais de Maurizio Battino, Isabel Trujillo, investigadora do Grupo de Recursos Xenéticos e Mellora da Oliveira da Universidad de Córdoba; Marta Prado, responsable do Grupo de Calidade e Seguridade Alimentaria do International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga (Portugal); Diego Luis García, do Grupo de Trazabilidade e Calidade de Alimentos do Instituto da Graxa de Sevilla; Alegría Carrasco, responsable do Grupo de Control Analítico Ambiental, Bioquímico e Alimentario da Universidad de Granada; José Luis Quiles, responsable do Grupo de Fisioloxía e Bioquímica Nutricional do Estrés Oxidativo da Universidad de Granada, e Montserrat Fitó, responsable do Grupo de Investigación de Risco Cardiovascular e Nutrición no Instituto Hospital do Mar de Investigacións Médicas de Barcelona.