No proxecto, liderado desde Polonia, participan tres centros da UVigo
Especialistas europeos buscan en Vigo novos xeitos de fomentar a empregabilidade desde “fóra das aulas”
A reunión tivo lugar na EE de Telecomunicación e contou coa asistencia da vicerreitora Belén Rubio
Potenciar a organización de actividades académicas fóra das aulas e dos laboratorios que melloren a empregabilidado das persoas que acaban de rematar os seus estudos universitarios ou están a piques de facelo. Este é o obxectivo co que hai apenas uns meses se puxo en marcha o proxecto europeo OUT-DOOR, unha iniciativa educativa liderada desde Universidade Tecnolóxica de Lodz, en Polonia, e na que tamén participa a Universidade de Vigo, institución na que se reuniron este martes.
A xuntanza tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e nela contouse coa asistencia dos máis de vinte expertos e expertas que participan no proxecto. Encargáronse de darlles a benvida a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a directora do centro, Rebeca P. Díaz, que fixeron fincapé na importancia de seguir impulsando todas aquelas actividades que fomenten a conexión entre o alumnado universitario e o mercado laboral. “Para nós é importante que no seu paso polas aulas o alumnado non só adquira coñecemento técnicos, senón moitas outras habilidades das que hoxe estades falando aquí e que resultan básicas para o seu éxito profesional”, recalcou na súa intervención a vicerreitora.
Xunto ás universidades de Lodz e Vigo, completan este consorcio a Universidade de Salento (Italia), a Universidade Técnica de Kaunas (Lituania), a Universidade de Azores (Portugal) e a empresa de formación Femxa.
Actividades pensadas para levarse a cabo ao aire libre
Desde a Universidade de Vigo participan docentes das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Minas e Enerxía, xunto coa Facultade de Educación e Traballo Social, no campus de Ourense. A idea é, tal e como explicou o catedrático Íñigo Cuiñas, proporcionar formación e materiais para aqueles profesores que queiran incorporar aos contidos das súas materias actividades a desenvolver fóra do ámbito das clases e laboratorios, preferentemente ao ar libre, coas que se consiga mellorar as expectativas laborais das súas alumnas e alumnos. Para conseguilo o proxecto busca ferramentas, habilidades e modos de avaliación específicos para este tipo de traballo de campo.
Tras o arranque do proxecto a comezos de ano, e tal e como se explicou nesta xuntanza en Vigo, xa están definidos os módulos de formación para a preparación destes docentes: cinco programas en liña nos que se tratan cuestións como pensamento crítico, traballo en equipo, mentalidade de crecemento, seguridade en contornas dixitais… e un sexto módulo reservado especificamente para actividades presenciais en exteriores.
‘Ensaio’ nas illas Cíes
Outro dos obxectivos da reunión viguesa do proxecto é analizar diferentes ferramentas que lle permitan aos docentes facer o seguimento das e dos participantes. “Cando propós actividades fóra das aulas perdes o control directo do que están a facer os estudantes, porque non os tes diante de ti nunha sala”, explica Cuíñas, ao que engadiu que desde OUT-DOOR se decidiu optar por empregar a aplicación Peneira, un desenvolvemento do CESGA xa empregado en proxectos previos. Neste sento participa tamén no encontro un responsable deste centro, como un dos stakeholders do proxecto.
Para probar o sistema mañá mércores desprazaranse ata as illas Cíes, onde levarán a cabo diferentes actividades, entre elas, “busca e clasificación, por equipos, de elementos naturais, de arquitectura ou de sinaléctica”.