DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza do proxecto TwinFlag, financiado pola UE con 1,5 millóns de euros

Especialistas europeos debaten no CINBIO os últimos avances en investigación sobre envellecemento e enfermidades asociadas á idade

As actividades, abertas a toda a comunidade investigadora, prolongaranse ata o venres pola tarde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 12/06/2024

Persoal investigador de distintos países da Unión Europea participan esta semana no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, nunha xuntanza científica organizada polo proxecto europeo TwinFlag (Twinning for Promoting Excellence, Ability and Knowledge to develop novel approaches for targeting inflammatory and degenerative age-related joint diseases), un encontro no que se debaterán os últimos avances en biomedicina e en investigación sobre envellecemento e enfermidades asociadas á idade.

Coordinado polo Centro de Medicina Innovadora de Lituania, completan o consorcio deste proxecto a University College de Dublín , en Irlanda, e o  grupo CellCOM do CINBIO, liderado pola investigadora María Mayán, de recente incorporación á Universidade de Vigo. Financiado pola Unión Europea con 1,5 millóns de euros, TwinFlag ten  como principal obxectivo  o desenvolvemento de novos métodos de diagnóstico e terapias para enfermidades dexenerativas das articulacións como a artrose.

Sesións especializadas e charlas transversais

A xuntanza, aberta a toda a comunidade investigadora da UVigo, arrancou esta mañá cun obradoiro de aspectos básicos en técnicas de inmunohistoquímica, impartido por Mar Haz Conde, técnica superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico do Servizo Galego de Saúde, SERGAS.

Mañá xoves celebrarase a sesión Meet the Experts,  un encontro interdisciplinar que contará coa participación de Verónica Salgueiriño (CINBIO), Noel Queipo (CINBIO), Carlos Spuch (IIS Galicia Sur) e María de la Fuente (IDIS), que ofreceran charlas para mellorar as habilidades transversais do persoal investigador participante, abordando temas como a situación da muller na ciencia, a comunicación científica, a importancia da saúde mental ou  consellos para mellorar as competencias en emprendemento e transferencia de resultados á empresa.

Un dos momentos máis importantes da xuntanza será o venres cando se recibirá a visita de científicas e científicos de recoñecido prestixio en envellecemento e cancro como Celso Reis (i3S Universidade do Porto), Manuel Colado (CSIC-CIMUS e IDIS, Santiago de Compostela), José Rivas (Universidade de Santiago de Compostela), África González (CINBIO), Lorena Martín-Jaular (Instituto Curie, París) e Marta Montes (CIMA, Navarra). 

A reunión concluirá cunha sesión de tarde no edificio Redeiras, na que, ademais dos socios do proxecto, participará o director do CINBIO, Miguel Correa, co fin de fomentar o intercambio de experiencias e coñecemento e promover futuras colaboracións.

O envellecemento é un dos principais desafíos que afronta Europa

O envellecemento da poboación é un dos principais desafíos que afrontan Europa e o mundo. Cunha esperanza de vida que se duplicou en comparación cos nosos bisavós e bisavoas, espérase que o número de persoas maiores de 80 anos se multiplique por seis para o ano 2100. Este cambio demográfico expón retos significativos para os recursos sanitarios e a atención médica, xa que as persoas maiores de 65 anos consomen unha porcentaxe importante do gasto sanitario global debido a enfermidades asociadas á idade. En España, máis do 20% da poboación ten máis de 65 anos, e enfermidades dexenerativas como a artrose representan un gasto considerable para o sistema nacional de saúde, alcanzando o 0.5% do PIB.