DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de investigación na Facultade de Filoloxía e Tradución

Especialistas de Galicia e Portugal analizan a situación dos estudos queer a ambos lados da raia

Organizado polo grupo ILLA, da UDC, o grupo BiFeGa e a Cátedra José Saramago da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 06/06/2025

Botar unha ollada á situación dos estudos queer en Galicia e Portugal. Este é o obxectivo dunha xornada de investigación que este venres reúne na Facultade de Filoloxía e Tradución a un destacado número de especialistas nesta materia chegados desde ambos lados da fronteira, a maiores dos que seguen o encontro a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.

Organizado polo grupo ILLA da Universidade da Coruña, o grupo BiFeGa e a I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, co apoio do Instituto de Literatura Comparada Margarida Losa da Universidade do Porto, o encontro arrancou coas intervencións de Teresa López, vicerreitora de Profesorado da Universidade da Coruña e coordinadora do grupo ILLA, e Burghard Baltrusch, coordinador do grupo BiFeGa e director da CJS, xunto coas coordinadoras do evento, Ánxela Lema (grupo ILLA) e Mafalda Pereira (grupo BiFeGa).

Programa organizado arredor de catro sesións

O programa dividiuse en catro sesións, organizadas arredor das seguintes temáticas: 'Entre o queer e o poshumano: poéticas do desvío'; 'Habitar a fronteira: voces disidentes na literatura colonial e contemporánea'; 'Poesía e performance: vadíos, monstros e outros excesos', e 'Arquivos esquecidos: outras formas de lembrar'.

As primeiras en intervir foron as profesoras Marinela Freitas, da Universidade do Porto, que afondou sobre os contidos queer na obra da poetisa portuguesa Ana Luísa Amaral, falecida en 2022,  gañadora do Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana de 2021, e María Alonso, da Universidade de Santiago de Compostela, quen reflexionou sobre as interseccións entre o poshumanismo e a representación de identidades non heteronormativas na literatura galega actual. A continuación, tomaron a palabra Helder Thiago Maia, da Universidade de Lisboa, que charlou das disidencias de xénero e sexualidade na literatura colonial portuguesa, e Alba Casas, da propia Universidade de Vigo, que falou do que denominou 'Monstruosidades delineadas. Habitando na fronteira'.

A sesión continuará pola tarde coa participación de Diogo Marques e Inês Cardoso (UPorto - ILCML), que falarán de 'Vadíos na Casa Vale Ferreira: unha releitura dos poetas de Sodoma',  e de Branca Trigo (UVigo) con 'O oculto e o grotesco: corporalidades monstrosas na poesía galega recente'. A xornada rematará coas presentacións de Joana Matias (FCSH/UNL - IHC) e Daniela Ferrández (USC), 'Arquivo reparativo: historia da prensa gay e lésbica en Portugal (1974-2000)' e 'Cal se se tratase dun home: trans-historicidades na Galiza do primeiro terzo do S. XX'.