DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de fomentar a súa internacionalización

Especialistas en imaxinarios sociais de Ecuador, México e España participan nun novo número de 'Imagonautas'

A revista está editada polo Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Democracia
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Transferencia
Rosa Tedín DUVI Ourense 10/07/2019

Globalización, futuro, mercado inmobiliario, perros y gatos, Cornelius Castoriadis y Gilbert Durand. Con este título preséntase un novo número de Imagonautas. Revista interdisciplinaria sobre imaginarios sociales, editada polo Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo. Con el, a publicación abre unha nova etapa tralo nomeamento de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, como editor xefe.

Imagonautas é unha revista interdisciplinaria creada en 1995 para “contribuír ao diálogo interdisciplinar ao redor dos imaxinarios sociais e ás súas aplicacións na análise do social”, considerando que “os imaxinarios sociais é entender que a percepción que temos da realidade social é unha percepción construída, que é o que determina a nosa interacción común”, tal e como sinala David Casado. A publicación, de carácter electrónico, está aberta a propostas científicas sobre os imaxinarios sociais nos seus diferentes enfoques, de orientación tanto teórica como empírica, en calquera ámbito de coñecemento, publicando contribucións dos eidos de socioloxía, a topoloxía, a filosofía, os estudos literarios ou a arquitectura, entre outros. Do seu novo número, o editor xefe destaca a participación maioritaria de especialista de América Latina e a diversidade temática.

Diversidade de temáticas

O número 13 da publicación arranca cun texto de Verónica Yépez-Reyes, da Pontificia Universidad Católica del Ecuador, titulado Alter-globalisation social imaginaries: a theoretical review. Nel fai unha revisión teórica sobre como “os imaxinarios sociais refírense non a algo irreal ou ficticio que existe só na mente dun individuo senón aos marcos compartidos dentro dos cales as persoas organizan o seu mundo social colectivo”.

De México son varias as achegas que recolle este número. María Elena Figueroa, da Universidad Autónoma Metropolitana Xochimilco, fala nun artigo sobre os imaxinarios de futuro en contextos de precariedade e como esa precariedade reduce as posiblidades de construír proxectos de vida con liberdade e limita a imaxinación. Jesús Manuel Fitch e Adriana Melissa Ávila, da Universidad Autónoma de Nuevo León, afondan en como o imaxinario da inseguridade urbana incide e configura o mercado inmobiliario nunha cidade. Por último, Lidia Graciela Girola, da Universidad Autónoma Metropolitana Azcapotzalco, reconstrúe brevemente os imaxinarios sobre cans e gatos nas sociedades grega e romana da antigüidade occidental.

A nova entrega de Imagonautas inclúe tamén un texto sobre sobre o “imaxinario instituído como peza fundamental no entramado teórico de Cornelius Castoriadis”, feito por Ángel Enrique Carretero, do IES Rosalía de Castro e a Universidade de Santiago de Compostela. Pecha este número o texto El imaginario: revisitando la obra de Gilbert Durand, de Ignacio Riffo Pavón, da Universitat Autònoma de Barcelona, no que aborda “algúns dos achegamentos reflexivos que Gilbert Durand desenvolveu arredor da imaxinación e o imaxinario”.