DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto Iberos+, liderado desde a UVigo

Especialistas internacionais analizarán esta semana en Santiago os últimos avances en biofabricación aditiva aplicada á medicina

O encontro reúne máis de 140 investigadores e investigadoras de todo o mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 21/01/2026

Santiago de Compostela acollerá este xoves e venres o II Workshop de Biofabricación Aditiva (WAB 2026), un encontro científico internacional que reunirá a máis de 140 especialistas de referencia en impresión 3D e enxeñería de tecidos aplicada á biomedicina. O evento está organizado polos investigadores do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) Patricia Díaz, Bárbara Blanco e Luis A. Díaz, e conta co apoio do proxecto europeo Iberos+, unha iniciativa estratéxica liderada desde a Universidade de Vigo polo catedrático Pío González que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores e investigadoras da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable.

Tras unha primeira edición celebrada en Madrid en 2024, o workshop consolida o seu carácter bienal como un foro de referencia de intercambio científico e tecnolóxico. Durante as dúas xornadas, abordaranse os principais retos e oportunidades da biofabricación, desde o deseño avanzado de materiais e estruturas ata a súa translación a terapias avanzadas e produtos sanitarios, nun contexto marcado pola innovación responsable e a transferencia de coñecemento. 

A biofabricación, entendida como un campo interdisciplinar que combina bioloxía, enxeñería e tecnoloxías de fabricación aditiva para xerar tecidos e estruturas vivas mediante células e biomateriales, será o eixo vertebrador dun programa que reflicte a rápida evolución do sector e o seu impacto potencial na medicina rexenerativa, o modelado de enfermidades e o desenvolvemento de alternativas á experimentación animal.

Un programa que percorre todo o ciclo da biofabricación 

O programa do WAB 2026 ofrece unha visión integral do estado da arte en biofabricación, comezando polo deseño e a simulación avanzados. As sesións iniciais poñerán o foco en tecnoloxías emerxentes como a impresión 3D activada por luz, o uso de láseres ultrarrápidos e o desenvolvemento de ‘andamios’ intelixentes capaces de reproducir con maior fidelidade a arquitectura e funcionalidade dos tecidos humanos. Estes relatorios abordarán como a enxeñería de materiais e os novos enfoques de fabricación están a ampliar as posibilidades da bioimpresión aplicada á saúde.

Ao longo do encontro presentaranse tamén novas estratexias de biofabricación para a enxeñería de tecidos, con especial atención aos biomateriales dinámicos e a bioimpresión 4D. O programa inclúe sesións orientadas á rexeneración ósea, cardíaca e da pel, así como ao desenvolvemento de implantes terapéuticos avanzados e modelos personalizados, subliñando o papel da biofabricación como ponte entre a investigación básica e a aplicación clínica.

O workshop dedicará ademais un bloque destacado á biofabricación aplicada a modelos de enfermidade e cribado de fármacos, con presentacións sobre modelos tumorais complexos, organoides, plataformas organ-on-a-chip e tecidos biofidelizados que permiten reproducir de forma máis precisa a fisiopatoloxía humana. A iso súmanse sesións específicas sobre biocerámicas, biometales e materiais bioinspirados, así como unha mesa redonda final centrada na regulación de terapias avanzadas e biofabricación e nas alternativas aos modelos de probas en animais.

Ademais das sesións científicas, o workshop incluirá presentacións de pósteres, espazos de networking, actividades sociais e un programa deseñado para fomentar a colaboración transfronteiriza e o diálogo entre academia, industria e regulación.

Un evento estratéxico no marco de Iberos+ 

O WAB 2026 alíñase coa estratexia do proxecto Iberos+, financiado polo Programa Interreg España-Portugal 2021-2027 (POCTEP), con cofinanciamento Feder e un orzamento próximo aos 2,2 millóns de euros ata 2026. O proxecto centra os seus esforzos na investigación e o desenvolvemento en biofabricación para dar resposta aos retos sociosanitarios derivados do envellecemento da poboación na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e no conxunto da Unión Europea.