DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Escola de Enxeñería Industrial entre os días 19 e 22 de xuño

Especialistas internacionais danse cita en Vigo no Coloquio Interdisciplinar en Topoloxía

Abordaran as aplicacións da topoloxía a outras disciplinas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 12/02/2019

Do 19 ao 22 de xuño a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo acollerá o segundo Coloquio Interdisciplinar en Topoloxía e as súas aplicacións, que reunirá a especialistas internacionais que traballan en diferentes áreas da topoloxía, unha rama das matemáticas que estuda as propiedades dos corpos xeométricos que permanecen invariantes.

Dirixido ao persoal investigador e a alumnado, no coloquio abordaranse temas moi variados e interdisciplinares, con especial atención ás aplicacións da Topoloxía a outras disciplinas. “Esperamos que asistan entre 60 e 70 persoas e polo de agora xa se inscribiron participantes de diferentes universidades españolas, europeas e mesmo Xapón, México ou Rusia”, explica o membro do comité local da organización do congreso e profesor do departamento de Matemática Aplicada Ricardo Vidal. 

Na organización do evento, que se realiza como homenaxe con motivo da xubilación de Eusebio Corbacho Rosas (Universidade de Vigo) e Elena Martín Peinador (Universidad Complutense de Madrid), participan docentes das universidades de Vigo, A Coruña, Navarra e Politécnica de Cataluña, así como investigadores en topoloxía das universidades de Passau (Alemaña), Udine (Italia), Ehime (Xapón), Unam (México), Jaume I (Castellón) e Complutense (Madrid).

A ciencia da topoloxía

A topoloxía é unha vertente “relativamente recente” das Matemáticas, explica o coordinador do coloquio. Esta ciencia, desenvolta nas primeiras décadas do século XX, ocúpase daquelas propiedades dos corpos xeométricos que permanecen invariantes cando ditos corpos son pregados, dilatados, contraídos ou deformados, de xeito que non aparezan novos puntos ou que se fagan coincidir puntos diferentes. “O topólogo considera os mesmos obxectos que o xeómetra pero non se fixa nas distancias ou os ángulos”, explica Vidal, que destaca a variedade de eidos nos que se pode aplicar este ámbito das matemáticas.

Homenaxe a dúas carreiras profesionais unidas

O congreso homenaxeará, por unha banda, ao docente Eusebio Corbacho Rosas, catedrático da Universidade de Vigo, motivo polo que se escolleu a sede da Escola de Enxeñería Industrial da cidade olívica para a súa celebración e, por outra, a Elena Martín Peinador, catedrática da Complutense. Corbacho contribuíu en diferentes ramas matemáticas: topoloxía, análise funcional, teoría de grafos, e aplicacións computacionais, “como amosan as súas publicacións e as teses dirixidas”, explica Vidal, que tamén lembra que Martín estudou o campo da álxebra topolóxica e o desenvolvemento da topoloxía de Mackey en grupos topolóxicos en máis de 20 traballos de investigación. 

Corbacho e Martín coincidiron na Universidade de Zaragoza no comezo das súas carreiras profesionais, o que forxou un bo número de relacións internacionais con outros investigadores, das que se beneficiaron os seus respectivos departamentos e universidades. Ao mesmo tempo, traballaron por captar e formar, conclúe Vilas, “de xeito profundo e versátil” ao alumnado nas súas respectivas áreas de coñecemento.