DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No II Congreso Internacional Carlos Fernández-Nóvoa que organiza a Área de Dereito Mercantil

Especialistas internacionais debaten en Vigo sobre as novas tendencias do dereito da competencia e a propiedade industrial

Con especial atención ao Proxecto de Lei de protección dos segredos empresariais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Reitor
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/10/2018

O II Congreso Internacional Carlos Fernández-Nóvoa naceu en 2016 para render unha homenaxe ao profesor da Escola Galega de Dereito Industrial da USC que lle dá nome, que foi mentor de moitos docentes da Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo. Dous anos despois, o simposio volve ao campus de Vigo para debater sobre as novas tendencias do dereito da competencia e a propiedade industrial e farao hoxe luns e mañá martes a través de 37 conferencias a e comunicacións e da man de ponentes destacados procedentes, por exemplo, da Universidade de Columbia, da UNAM de México ou da Organización Mundial da Propiedade Intelectual.

En total, preto dun cento de persoas participan nestas xornadas nas que se abordarán temas relacionados coa propiedade industrial e intelectual e o dereito da competencia dende diferentes perspectivas. Por exemplo, segundo indican os responsables da organización, os catedráticos Anxo Tato e Julio Costas, entre os principais retos no eido do dereito da competencia e da propiedade industrial está o Proxecto de Lei de protección dos segredos empresariais, que se atopa actualmente en tramitación e a través do que se plantexa, por primeira vez no ordenamento español, un texto legal integramente dedicado á protección dos segredos empresariais ao marxe da Lei de Competencia Desleal. Outro dos temas que se abordan neste congreso é a reforma do Dereito de marcas, “reforma recentemente aprobada a nivel comunitario e pendente de incorporación ao ordenamento español, e que aborda cuestións tan transcendentais como, por exemplo, a posibilidade de que olores, sons ou outros signos que non son susceptibles de representación gráfica, sexan rexistrados como marca”. Tamén se analizarán as novas tendencias no réxime da publicidade difundida a través de influencers, e particularmente “as esixencias que deben formularse para que esta publicidade sexa suficientemente identificable como tal polas persoas consumidores ás que se dirixe”. Finalmente, os especialistas participantes tamén afondarán nos dereitos de defensa das empresas nos procedementos que se sigan fronte a elas por prácticas anticompetitivas e, entre outras cuestións, “tamén certos aspectos de cláusulas anticompetivas en contratos de distribución ou os aspectos procesuais da Directiva de danos antitrust así como o seu impacto na denominada política de clemencia”.

Unha lembranza ao profesor Fernández-Nóvoa 

No acto de apertura, celebrado na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a súa decana, Almudena Bergareche, agradeceu o traballo dos directores do congreso, os catedráticos Anxo Tato e Julio Costas e dos responsables da organización, os profesores Pablo Fernández Carballo-Calero e Francisco José Torres. Pola súa banda, o presidente da Comisión Galega da Competencia, Francisco Hernández, lembrou a Carlos Fernández-Nóvoa, “cuxa figura sempre estivo presente” e este congreso é “un xeito modesto de devolverlle algo do moito que el nos deu”. O catedrático Anxo Tato lembrou como na súa memoria do profesor Fernández-Nóvoa se fixo un acto puntual, que deu paso a unhas xornadas de estudo, que finalmente se acabaron convertendo neste congreso bianual, que celebrou a súa primeira edición en 2016. “O noso obxectivo é honrar a memoria do que foi o mestre común de toda a Escola Galega de Dereito Industrial e demostrar o noso compromiso coa continuidade desta escola e manter vixente o traballo de investigación e divulgación que nela se leva a cabo, como un dos grandes referentes internacionais”, esforzo que tamén subliñou o reitor da Universidade de Vigo. Manuel J. Reigosa subliñou o valor deste tipo de actos que “recoñecen a valía intelectual dun compañeiro e recoñecen o seu maxisterio”. 

Fernández-Nóvoa foi tamén o fundador da revista Actas de Dereito Industrial e neste acto presentouse o volume 38 da publicación, que conta cunha “longa historia e unha excelente indexación no ámbito xurídico” e ten moita difusión desde o punto de vista internacional, sobre todo en Iberoamérica e en centros especializados de investigación no seu ámbito, explican os responsables do congreso. 

Conferencia sobre a nova regulación dos segredos empresariais

José Antonio Gómez Segade, catedrático emérito de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago de Compostela, foi o encargado da impartir a conferencia inaugural do congreso, na que fixo unha reflexión sobre a actualización da protección do segredo industrial en España como consecuencia do disposto nunha recente directiva europea de 2016. Segundo o docente, “o segredo industrial ou empresarial sempre foi un activo fundamental das empresas, polo seu valor en si ou como complemento das patentes” e remarcou que terá aínda máis relevancia no futuro “conforme se vaia elaborando a protección dos macrodatos ou Big Data”. 

Na súa intervención fixo un percorrido no tempo, para explicar como na Unión Europea a falta dun réxime común sobre o segredo industrial provocaba “disfuncionalidades evidentes” que freaban proxectos cooperación transfronteiriza. “Comezouse entón a preparar unha normativa común e, tras moitas polémicas políticas e sociais, aprobouse unha directiva europea en 2016 relativa á protección dos coñecementos técnicos e a información empresarial non divulgada (segredos comerciais) conta a súa obtención, utilización e revelación ilícitas”. A partir desta Directiva Europea, España iniciou os traballos para desenvolver unha normativa propia. “O anteproxecto da Lei de Segredos Empresariais comezou a tramitarse en febreiro de 2018 e, segundo Gómez Segade, “agárdase que sexa aprobado antes de que finalice o 2018”. Entre as principais características do documento, puntualizada o catedrático, está o feito de ser unha lei especial, “que posiblemente non sexa a mellor opción das tres posibles, que inclúe cambios terminolóxicos respecto da directiva europea tanto no texto coma no título ou a súa amplitude, xa que aínda que non se amplían os dereitos dos titulares de segredos a pesar de que a directiva europea é de mínimo, si se incorporan textos procedentes sobre todo da Lei de Patentes de 2015”. O profesor tamén destacou da lei española que será unha peza do sistema normativo contra a competencia desleal e, tamén remarcou o equilibrio entre a protección dos segredos e a defensa dos dereitos fundamentais, dereitos dos traballadores e interese público.