DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representan ás principais axencias de seguridade, policías e institutos forenses de nove países

Especialistas internacionais na loita contra o cibercrime e o terrorismo na rede participan en Vigo na reunión anual do proxecto europeo Uncover

O centro atlanTTic da UVigo é un dos 22 socios dun consorcio liderado dende Bruxelas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • TIC
  • Investigación
DUVI 15/06/2022

40 especialistas Internacionais na loita contra o cibercrime e o terrorismo na rede participan esta semana na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na reunión anual de Uncover, un proxecto europeo financiado polo programa Horizonte 2020 con 7 millóns de euros dirixido a mellorar as técnicas de análise forense en todo o que ten que ver coa detección de mensaxes e datos ocultos enviados por criminais e terroristas en calquera tipo de documento dixital multimedia. Procedentes de nove países representan aos 22 socios implicados no proxecto, entre eles, atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, o único representante universitario español neste proxecto.

O obxectivo de Uncover é “desenvolver unha ferramenta na que, empregando a intelixencia artificial, poidamos detectar mensaxes en arquivos multimedia de grupos terroristas ou mesmo de pederastas que, empregando a técnica da esteganografía, envían mensaxes ocultas imposibles de percibir a simple vista”, explican Fernando Pérez e David Vázquez, os dous investigadores de atlanTTic que lideran na Universidade de Vigo este proxecto. Son os anfitrións dunha xuntanza que trouxo ata o campus de Vigo aos representantes das principais axencias de seguridade europeas, policías, institutos forenses e empresas de noves países, entre outros, a policía dos Países Baixos, o Ministerio do Interior de Francia ou a Oficina Nacional de Investigación de Finlandia. Por parte española, ademais da propia UVigo, o encontro conta coa participación do centro tecnolóxico Gradiant, a Ertzaintza e a empresa alacantina Ethical&Legal Plus, responsable dos aspectos éticos e legais do proxecto.

Algoritmos capaces de analizar calquera disco duro ou comunicación

“As forzas de seguridade dos Estados son os destinatarios das ferramentas nas que estamos a traballar que deberán funcionar no mundo real coa mesma eficacia que o fan nun laboratorio. O obxectivo é que o algoritmo debe estar adestrado para poder analizar calquera disco duro ou comunicación á que teña acceso a policía”, explican os investigadores da UVigo.

O proxecto Uncover, de tres anos de duración, arrancou en maio de 2021 e, tras un ano de traballo, a de Vigo é a segunda reunión presencial á que asisten todos os membros do consorcio. “Podemos contar moi pouco polas estritas medidas de seguridade e confidencialidade, pero, a nivel xeral, si se pode avanzar que a plataforma que se vai desenvolver como parte do proxecto xa se comezou a implementar e houbo resultados destacables por parte da investigación máis básica”, explica o catedrático Fernando Pérez, investigador principal do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, GPSC, de atlanTTic, desde onde se está levando a cabo a parte viguesa do proxecto.

A principal tarefa do grupo GPSC en Uncover é aplicar técnicas de análise forense de imaxes e vídeo como preprocesado para detectores estenográficos específicos, “isto é, detectores de comunicacións secretas agachadas en contidos multimedia”. Estes detectores especialízanse, tal e como explican os investigadores, en función da historia previa de ditos contidos. “Por exemplo, sabendo que unha imaxe pasou por Instagram e despois por Whatsapp, podemos deseñar detectores de comunicacións secretas máis efectivos”, apunta Pérez, ao que engade que no seu caso, a análise desa historia previa farase empregando tanto técnicas estatísticas clásicas como de intelixencia artificial. Xunto a el e David Vázquez completan o equipo de traballo deste proxecto os investigadores Pedro Comesaña e Elena Rodríguez.

Fawrensian, software vigués que bate récords na loita contra os ciberfraudes

Ter sido seleccionados para participar neste consorcio europeo supón para este grupo de investigación, creado na Universidade de Vigo hai xa 25 anos, todo un recoñecemento á súa longa traxectoria na análise forense de arquivos multimedia, unha traxectoria que vén avalada por máis de setenta traballos publicados en cabeceiras científicas internacionais e a consecución dunha ducia de patentes. Exemplo de todos estes logros acadados polo grupo GPSC de atlanTTic é o software Fawrensian, unha ferramenta deseñada para loitar contra o ciberfraude que é  capaz de verificar un millón de arquivos ao día e de detectar falsificacións tanto en documentos de identidade como tarxetas bancarias, principalmente, en transaccións vía móbil ou web