No marco dunha xornada do proxecto Sylvia2, centrada nos servizos ecosistémicos
Especialistas e profesionais poñen en valor os beneficios intanxibles que proporcionan os bosques
O grupo AF-4 traballa nunha metodoloxía para medir aqueles relacionados co recreo ou a saúde
Máis aló da produción de madeira, os bosques xeran un conxunto de beneficios de carácter inmaterial, como a fixación de carbono procedente da atmosfera ou a súa contribución á preservación da biodiversidade e á xestión dos recursos hídricos. Trátase dun conxunto de bens intanxibles, dos que se beneficia o conxunto da sociedade, que resulta complexo cuantificar e que deberan terse en consideración na xestión forestal. Así o puxeron de relevo os investigadores e profesionais que participaron este mércores na xornada Os servizos ecosistémicos das masas forestais. Os bens intanxibles, promovida polo grupo AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal. Desenvolvida na sede da Vicerreitoría do campus, esta xornada tiña como obxectivo presentar os traballos realizados no marco do proxecto Sylvia2, que este grupo de investigación desenvolve co financiamento do Plan Social Ence 2024 e que ten como obxectivo o desenvolvemento dunha metodoloxía pioneira que permita medir outra serie de beneficios intanxibles asociados aos bosques e relacionados coa saúde, o benestar ou o ocio
Esta xornada permitiu afondar nos traballos realizados para o deseño e posta a proba dunha metodoloxía que permita avaliar unha serie de beneficios que ata agora “non mediu ninguén”, como recoñecía o seu investigador principal, Enrique Valero. De aí que a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, salientase na inauguración que o grupo AF-4 non só cumpre con esta xornada “un compromiso a nivel científico, de difusión do coñecemento, senón tamén un compromiso a nivel social”, posto que o obxectivo do proxecto é “coñecer como as contornas naturais inflúen nas persoas”, o que contribúe a pór o foco “na necesidade de protexer os nosos bosques”. A vicerreitora efectuou así mesmo un agradecemento “ao Plan Social Ence por confiar na Universidade de Vigo, financiando un total de cinco proxectos nesta convocatoria" , na apertura dunha xornada que contou coas intervencións, presencias e por videoconferencia, de diferentes profesionais, investigadores e investigadoras. Centrada nos servizos ecosistémicos, esta xornada tiña lugar ademais, como salientou Valero, xusto un día despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica sacase a consulta pública un proxecto de real decreto dirixido a “crear un rexistro" destes servizos.
Da “experiencia perceptiva” á interacción social
Dando continuidade a unha liña de traballo iniciada o pasado ano, o proxecto Sylvia2 céntrase no desenvolvemento dunha metodoloxía que permita medir un conxunto de parámetros relacionados “coa protección e sensibilización, os valores estéticos, a paisaxe, o recreo ou os valores espirituais e relixiosos”, explicou Valero. Tomando como punto de partida os Criterios de Xestión Forestal Sostible definidos nas conferencias interministeriais de Helsinki e Lisboa, o proxecto centrouse en primeiro termo en identificar este conxunto de bens intanxibles, o que levou á definición de sete subcriterios, dirixidos a avaliar “os elementos espaciais, perceptivos e simbólicos que configuran a experiencia humana na paisaxe forestal”. Estes abranguen desde a propia “experiencia física” nas masas arbóreas, á “experiencia perceptiva”, o atractivo e interese que xeran, pasando pola “experiencia existencial” e os “significados simbólicos” ou ligados á memoria dos bosques, así como a “oportunidade de interacción social” que poden supor. Estes subscriterios, explicou, levaron á definición de 29 subindicadores que sinalan as dimensións que é preciso analizar en cada área e de 60 descritores, que determinan que é preciso medir.
“Cada fin de semana, centos de miles de persoas en Europa van aos bosques a buscar algo do que estamos explicando e dáse a circunstancia de que cada quen busca unha cousa distinta, en función das súas experiencias persoais”, sinalou Valero. Nese senso, co propósito de avaliar esa “oferta” que achegan os bosques, os investigadores e investigadoras do grupo AF-4 deseñaron unha escala de calidade ambiental que están pondo a proba en diferentes traballos de campo, como explicou a investigadora María Troitiño. Esta recollida de datos, apuntou Valero, ademais de permitir coñecer “as preferencias” das e dos usuarios dos bosques respecto ao tipo de itinerarios e masas forestais que prefiren, contribuirá tamén a “afinar” unha metodoloxía para a que “partiuse de cero”. Nese senso, o responsable deste proxecto destacou que o propósito é continuar traballando neste proceso de posta a proba e mellora desta metodoloxía, coa idea de “facela válida para calquera masa forestal”. De feito, lembrou, o obxectivo final sería validala e que puidese no futuro incorporarse ao sistema de certificación forestal PEFC.
O papel da certificación forestal
A xornada arrancou de feito cunha presentación de Esperanza Carrillo, responsable de RSC e mercados exteriores de PECF-España, quen subliñou unha xestión forestal sostible xoga un papel clave na preservación destes servizos ecosistémicos, para logo abordar os traballos desenvolvidos por PECF para a certificación dos “servizos sociais e culturais” asociados aos bosques. A importancia que ten neste eido a certificación destes servizos foi tamén o eixe central da intervención de Odón López, xefe do Servizo de Xestión Forestal da Consellería do Medio Rural, mentres que o director de Sostibilidade Ambiental de Ence, Luis Javier Sánchez, abordou o traballo desta empresa en materia de certificación, á vez que lembrou que estes servizos son “servizos dificilmente visibles, avaliables e monetizables”.
Partindo deste escenario, o grupo AF-4 contou neste proxecto coa colaboración do catedrático de Psicoloxía Ambiental da Universidad Autónoma de Madrid José Antonio Corraliza, quen abordou nesta xornada a incidencia dos bosques na “experiencia humana”, partindo da influencia que “ten a contorna sobre o benestar psíquico”. O encontro completouse coa presentación do plan de comunicación do proxecto Sylvia2 e permitiu tamén afondar nos traballos que se están a desenvolver ao abeiro doutro proxecto financiado polo Plan Social Ence e centrado tamén neses beneficios intanxibles dos bosques. Da man da investigadora predoutoral Ana Gil, as e os asistentes puideron coñecer tamén o proxecto Calidade ambiental das masas forestais, benestar percibido e regulación do sistema nervioso (Eva), no que o grupo de investigación FS1, da Facultade de Fisioterapia, busca analizar o efecto de diferentes contornas forestais na regulación do sistema nervioso autónomo.
