A Facultade de Comunicación acolleu a presentación dun libro branco sobre esta temática
Especialistas reclaman unha “influencia responsable” dos creadores e creadoras de contido
Nunha xornada que afondou na necesidade da autorregulación neste sector
Nun contexto no que tanto a comunicación como a publicidade van máis aló dos medios tradicionais, dada a importancia crecente dos creadores e creadoras de contidos, faise precisa unha reflexión respecto destas figuras e a necesidade de promover unha “influencia responsable”. Con esta idea como punto de partida, a Facultade de Comunicación acolleu este mércores a presentación do Libro Blanco de la Influencia Responsable 2025, nun evento promovido polo centro xunto coa asociación iCmedia Galicia, dirixido a afondar no presente e futuro da industria do “influencer márketing” e na necesidade de medidas de autorregulación do labor dos creadores e creadoras de contidos.
O eixe central desta xornada foi a presentación dun libro coordinado pola profesora da Universidad de Navarra Patricia San Miguel, resultado das entrevistas realizadas a máis de 60 axentes da industria da “influencia dixital”, co propósito de definir un conxunto de recomendacións que permitan promover “un ecosistema de influencia máis ético, transparente e sostible”.
Conducido polo xornalista e profesor da facultade Octavio Rodríguez, este encontro foi inaugurado pola decana, Emma Torres, e o presidente de iCmedia Galicia, José Ángel Otero. Tras pór de relevo que actos como este “veñen a incidir na importancia que ten a facultade no contexto da comunicación en Galicia e fóra de Galicia”, Torres fixo énfase na “responsabilidade” que implica formar “os comunicadores e comunicadoras de futuro”. Nun contexto no que “a comunicación está construíndo á sociedade” faise especialmente relevante fomentar “o espírito crítico do estudantado”, subliñou Torres, quen lembrou que, no ámbito da creación de contidos, “hai cuestións éticas que debemos respectar e unhas regras de xogo que debemos marcarnos”, en alusión á necesidade dunha autorregulación. Neste aspecto incidiu tamén o presidente de icMedia Galicia, quen puxo de relevo a necesidade dunha “reflexión académica” respecto da figura do influencer, “que está marcando unha nova dimensión na comunicación”.
Unha industria que cambia “a unha velocidade vertixinosa”
A publicación presentada nesta xornada é o resultado dunha iniciativa da federación de asociacións iCmedia, promovida co apoio da Comisión Europea, a través do proxecto SIC-Spain 4.0, cofinanciado pola Unión Europea e o Ministerio de Dereitos Sociales, Consumo y Agenda 2030. Trátate, en concreto, dunha edición actualizada e ampliada dun primeiro traballo desenvolvido no ano 2021 e que, como explicou San Miguel, é o resultado “dunha conversa” cos diferentes axentes involucrados “na industria do influencer márketing”. Este conxunto de entrevistas permitiu coñecer "como vai evolucionando” esta industria “a unha velocidade vertixinosa”, sinalou San Miguel, quen puxo o foco en como nos últimos anos “apareceron novas axencias”, consolidouse “a figura do representante” e diferentes influencers crearon “as súas propias axencias de comunicación”, á vez que “as marcas invisten cada vez máis en publicidade”, promovendo en maior medida “campañas máis estratéxicas” en lugar de accións puntuais. Esta panorámica, subliñou, permitiulles constatar que “agora mesmo hai unha consciencia de que se necesita que esta industria sexa cada vez máis responsable”. Con esa idea, este libro presenta un conxunto de recomendacións para os múltiples axentes implicados, desde os influencers e as persoas que consumen os seus contidos, ata marcas, axencias, plataformas, medios, institucións e organismos reguladores.
Por outra banda, unha das novidades deste libro respecto da súa versión anterior, explicou, é a análise de “novas realidades” como a dos kidfluencers ou a dos “influencers virtuais” xerados con intelixencia artificial. Así mesmo, a publicación inclúe tamén unha “análise do benestar emocional” dos creadores e creadoras de contidos, dado que se trata dunha profesión que pode implicar “desequilibrios a nivel emocional”, salientou San Miguel, incidindo en aspectos como a súa exposición a comentarios ou a “hiperconectividade” de persoas “que traballan co seu móbil”. Nese senso, a investigadora presentou tamén nesta xornada a ““ferramenta para a autoavaliación da influencia responsable e o benestar emocional dos creadores de contido” Thinkfluencer, desenvolvida por iCmedia e a Universidad de Navarra. Trátase, explicou, dun cuestionario de autovaliación que permite a creadores e creadoras de contido “identificar boas prácticas”, orientadas tanto a “un exercicio responsable” da súa profesión como ao seu benestar emocional.
A xornada completouse coa mesa de debate, moderada por Octavio Rodríguez, na que participaron, xunto a San Miguel, a creadora de contido Mar Dorrio, o agroinfluecer Cè Rodríguez, a tamén docente da facultade Érika Fernández e da propia Patricia San Miguel.
Escritura de series
Ademais desta presentación, a Facultade de Comunicación acolle tamén este mércores a xornada de clausura do curso Creación e escritura de series, na que as os participantes presentan a profesionais de industria os proxectos de serie que desenvolveron ao longo da súa formación nesta microcredencial universitaria. Nomeadamente, nas presentacións que se desenvolven ao longo desta tarde participan a directora de Voz Audiovisual, Fernanda Tabarés; a responsable de contidos da TVG, Montse Besada; os guionistas e membros da Asociación Sindical Galega de Guionistas (Agag) Enrique Lojo e Araceli Gonda, e o xefe de desenvolvemento de Ficción Producciones, Alberto Arruty.
Dirixido polo profesor José Manuel López e promovido pola facultade en colaboración con Agag, tratouse dun curso de 150 horas, centrado no desenvolvemento das habilidades e competencias que require o traballo en equipos creativos de ficción seriada, desde a xeración de ideas e estruturas narrativas, ata a escritura dos guións ou a creación de personaxes. Coa idea de achegar o alumnado aos procesos profesionais na industria, esta microcredencial tivo como docentes tanto a profesorado da Facultade de Comunicación como a profesionais do audiovisual como Alberto Guntín, quen foi directivo do equipo de contido de Netflix, a guionista Lidia Fraga ou o presidente da organización de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales, Ángel Manzano.
