DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas que se celebran desde este mércores no campus

Especialistas seis universidades afondan nas claves para unha xustiza máis igualitaria

Avogan pola transformación do sistema desde unha perspectiva de “feminización”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/05/2019

“Estas xornadas son unha boa ocasión para comentar temas de actualidade no eido xurídico e para seguir defendendo os conceptos de igualdade e dereitos fundamentais desde unha vertente pluridisciplinar”. Deste xeito, presentaron este mércores as profesoras da Facultade de Dereito Inés Iglesias Canle e María José Bravo Bosch as I Xornadas Feminización e Xustiza que ata o venres se celebran baixo a súa dirección no campus de Ourense. A iniciativa reúne a especialistas de seis universidades españolas e italianas para afondar nas claves para avanzar cara unha xustiza máis igualitaria.  

Segundo explicou Iglesias Canle na inauguración da cita, esta iniciativa xorde do compromiso por “seguir avanzando no principio de igualdade, abordando problemas e cuestións controvertidas para moitas das cales necesitamos tamén axuda doutros colegas e profesionais, que desde diferentes ámbitos do coñecemento poden botar luz nestes temas escuros non só do ordenamento xurídico español senón tamén do italiano, que participa de moitas destas mesmas cuestións”. “Sempre entendemos a necesidade de traballar unidos dentro do ámbito do dereito para fortalecer a igualdade, que formalmente, desde fai moitos anos, no ámbito español está recoñecida nos diferentes planos lexislativos pero na que cremos que hai moito camiño por recorrer”, engadiu María José Bravo Bosch, que fixo fincapé na importancia da abordaxe da igualdade no eido xurídico desde unha perspectiva transversal.

Visión transversal

A primeira sesión das xornadas, que se celebran na Facultade de Dereito e que contan co apoio da Unidade de Igualdade, do Consello Social da Universidade de Vigo e de Agex, arrancou cunha intervención de Tomás Quintana, catedrático de Dereito Administrativo da Universidad de León e Procurador do Común de Castilla y León, figura equivalente ao Valedor do Pobo en Galicia. Tras seis meses neste cargo, Quintana salientou como “xa puiden comprobar como os temas que vamos a tratar nestas xornadas son de grande actualidade e teñen unha presenza na actividade das nosas institucións”. Así, subliñou como estes órganos de defensa deben tratar de pór en evidencia as deficiencias no funcionamento da administración en cuestións referidas á igualdade para que as administracións poidan suplir esas carencias nas súas actuacións futuras.

Da mesma universidade, Susana Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo, falou da protección xurídico-laboral da muller vítima de violencia de xénero. “Trátase dunha circunstancia que en principio é estraña á relación laboral pero que o ordenamento protexe co fin de axudar a que a traballadora poida manter o emprego aínda que teña algunha dificultade en canto á produción ou asistencia á actividade laboral normal”, salientou. Tamén, engadiu a catedrática, o ordenamento contempla a concesión de axudas para aquelas mulleres que non son traballadoras para que accedan a un posto de traballo, posto que se considera que é un mecanismo para lograr a súa independencia do agresor. As medidas existentes, indicou, introducíronse no ordenamento xurídico no ano 2004, salientando a importancia da negociación colectiva para completar ou adaptar ás circunstancias de cada empresa determinada estes dereitos.

A primeira sesión tamén contou coas intervencións das propias Inés Iglesias Canle, para falar de dereito de defensa e violencia de xénero, e de María José Bravo Bosch, que falar de xustiza restaurativa. Completaron o panel de relatores Pablo Grande, profesor da Universidade de Vigo, e Orazio Licandro, catedrático de Dereito Romano da Universidad de Catania (Italia). A programación continuará ata o venres participando especialistas das universidades españolas de León, Carlos III de Madrid e Sevilla, ademais da Universidade de Vigo, e das universidades italianas de Catania e a Università Mediterranea di Reggio di Calabria, ademais doutros profesionais. Entre os temas a abordar nas tres sesións que se celebran, desde a organización das xornadas destacan aspectos como a necesidade de que a violencia de xénero se corrixa cunha axeitada tutela da vítima no ámbito da xustiza, a posibilidade da mediación neste eido ou as dificultades probatorias.

Por último, o venres haberá dous talleres de traballo coordinados por alumnado de predoutoramento do Mestrado da Avogacía sobre os casos de Nagore Laffage e o de La Manada, co fin de xerar un debate aberto. “Son dous casos paradigmáticos que se desenvolveron nas festas de San Fermín cunha diferenza de non tantos anos”, lembran desde a organización. A abordaxe destes dous casos controvertidos, apuntan, serven para afondar en cuestións como a valoración das probas por parte de xurados populares; a diferenza entre violación e abuso sexual e se calquera forma de violencia sobre a muller se debe considerar violencia de xénero ou non, con independencia de que haxa relación previa de afectividade. “As cuestións que están enriba da mesa son moi polémicas e consideramos que son temas importantes que se deben debater”, afirmou Inés Iglesias Canle.