DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 'Barrier Passability Expert Workshop', organizado polo CIM-UVigo

Especialistas de sete países reúnense en Vigo para aplicar a intelixencia artificial á conservación dos ríos e dos peixes migratorios

As xornadas concluirán cunha visita á Ecimat e un encontro coa Oregon State University

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 14/10/2025

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo organiza entre hoxe martes e mañá mércores no edificio Redeiras un encontro internacional no que participan 18 expertos en peixes migratorios procedentes de institucións de Estados Unidos, Reino Unido, Austria, Países Baixos, Hungría, Portugal e España. O Barrier Passability Expert Workshop, coordinado polo investigador Carlos García de Leaniz, ten como obxectivo avanzar no desenvolvemento de novas metodoloxías baseadas na intelixencia artificial que permitan avaliar de maneira máis eficiente a permeabilidade das barreiras fluviais e priorizar aquelas cuxa eliminación ou modificación poida ter un maior impacto positivo nos ecosistemas acuáticos.

Unha resposta para un reto europeo

Carlos García de Leaniz, un dos maiores expertos do mundo en salmónidos, que chegou á UVigo en 2024 no marco do Programa Atrae do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, explica que “a Lei Europea de Restauración da Natureza esixe aos estados membros reconectar 25.000 quilómetros de ríos de fluxo libre antes de 2030, pero unha restauración eficaz da conectividade fluvial depende da capacidade para priorizar que barreiras deben eliminarse ou modificarse. Para iso, engade, “é fundamental estimar a permeabilidade das barreiras para os peixes”, pero segundo o catedrático, “estas estimacións son notoriamente complexas, xa que varían segundo as características da barreira, as condicións ambientais e as diferenzas entre especies e individuos”. 

Durante o encontro, a e os participantes construirán mapas cognitivos difusos (fuzzy cognitive maps) mediante avaliación experta, co fin de identificar os principais factores que determinan se unha barreira resulta ou non permeable para distintas especies. Ademais, debaterán o potencial dos modelos de intelixencia artificial para estimar a pasabilidade a partir de rexistros fotográficos, empregando técnicas de visión por computador e lóxica difusa.

Colaboración internacional

O obradoiro contará coa participación de investigadores e investigadoras de institucións como a Oregon State University (EEUU), University of Southampton e University of Kent (Reino Unido), Boku (Austria), Deltares (Países Baixos), BLRI (Hungría), Universidade de Lisboa (Portugal), ademais da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), a Estación Biológica de Doñana (EBD) e a Universidad de Valladolid. O evento está patrocinado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades – Agencia Estatal de Investigación, o grupo FreeFlowLab, o proxecto europeo Danube LifeLines e a empresa Naturgy.

Colaboración coa Oregon State University

Como peche das xornadas, o 16 de outubro os representantes da Oregon State University realizarán, no marco do acordo de colaboración que existe entre a institución e a UVigo, unha visita á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) do CIM para coñecer as capacidades desta infraestrutura de investigación de vangarda. Ademais, organizarase un encontro en liña entre persoal investigador da Universidade de Vigo e da Oregon State University co obxectivo de explorar liñas de traballo conxuntas e posibles sinerxías de futuro. Desta forma, búscase reforzar a cooperación en investigación, o intercambio de persoal e alumnado e o desenvolvemento de programas académicos vinculados á biodiversidade acuática.