A través do proxecto Polos en Marcha, financiado pola FECYT
Especialistas da UVigo e UDC forman en tecnoloxías 3D a profesorado de infantil e primaria
O obxectivo é que poidan integrar estas ferramentas nas súas aulas
Unha “comunidade educativa colaboradora”. Así definen o proxecto Polos en Marcha, as investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñería Industrial que forman parte desta iniciativa, un traballo co que se tratan de achegar a tecnoloxía de impresión 3D e o interese polas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) ás cativas e cativos de educación infantil e primaria.
Con financiamiento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, e baixo o liderado da profesora da Universidade da Coruña Elena Arce Fariña, levan meses formando ao profesorado destes ciclos educativos e deseñando con eles recursos didácticos adaptados e promovendo a participación activa do alumnado e das súas familias en todo o proceso. Colaboran no proxecto nove docentes, cinco da UDC e catro da UVigo -tres da Escola de Enxeñería Industrial e un do Centro Universitario da Defensa-.
Formacións en Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo
Temos mestres e mestras en formación en Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo”, explica a investigadora viguesa Xanel Veciño, ao tempo que salienta que entre as diferentes accións que levan a cabo se inclúen cursos sobre deseño, modelado e impresión 3D, con metodoloxías moi prácticas e participativas; obradoiros para o coñecemento dos materiais utilizados na impresión 3D, o seu impacto ambiental e as súas posibilidades de reciclaxe, e sesións participativas nos centros para cocrear materiais que respondan ás necesidades do alumnado, incluíndo estudantes con necesidades educativas especiais.
“Acostuman pedir recursos para a aula: un dado icosaedro, crebacabezas personalizados, selos, engrenaxes...”, recalca a investigadora da Escola de Enxeñaría Industrial. Entre as cousas que máis lle sorprenden aos docentes do ensino primario e infantil destacan tamén o uso de lapis 3D, así como poder ver e usar este tipo de impresoras”.
As formacións continuarán ao longo dos vindeiros meses -ata decembro de 2025-.