DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O espectáculo chega ao campus de Ourense da man do Centro Dramático Galego

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 24/10/2007

Malabarares, circo e teatro. Iso foi o que se atoparon os alumnos do campus de Ourense cando se dirixían a clase. Con esta iniciativa o Centro Dramático Galego pretende achegar as artes escénicas ao público en directo de xeito inesperado. O espectáculo, desenvolvido no Edificio Xurídico Empresarial, contou coa participación dos presentes e tivo moi boa acollida. Conseguiu así, o seu obxectivo de sorprender aos estudantes cunha pequena e divertida función móbil.
Os encargados de realizala, a compañía galega Pistacatro, pretenden ademais dar a coñecer a obra “Noite de Reis. Ou o que queirades” coa que o CDG inicia en Ourense a súa xira 2007-2008.

Novo traballo do CDG

A representación, da man do recoñecido director Quico Cadaval, é unha divertida visión da obra de Shakespeare do mesmo nome pero totalmente reformulada. Está ambientada nun mundo de fantasía contemporánea cunha posta en escena innovadora e chea de enredos amorosos. A compañía ofrecerá no Teatro Principal catro funcións, o xoves 25 e o venres 26 para os institutos e o sábado 27 e domingo 28 para o público en xeral.