DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As panxoliñas tradicionais soaron en clave de música negra

O espectáculo "Christmas Blues" protagonizou o primeiro Concerto de Nadal do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 20/12/2007

O espectáculo Christmas Blues encheu de música e cor o primeiro concerto de Nadal celebrado no campus. As panxoliñas tradicionais soaron a jazz, soul e gospel ante o público que ateigaba o salón multiusos do Edificio de Ferro. Alumnos, profesores e persoal de administración e servizos estiveron acompañados do vicerreitor do campus Juan Francisco Gálvez; do director da E.S. de Enxeñaría Informática, Enrique Barreiro; do vicedecano de Planificación da Facultade de Ciencias, Pedro Araujo; do vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, e da vicexerenta, Beatriz Cuíña, ademais de Ana Garrido, concelleira de Educación.

Orixinais panxoliñas

O concerto comezou coas panxoliñas máis tradicionais, tanto autóctonas como anglosaxonas cantadas baixo luces de cores. Velma Powell saltou ao escenario para entoar Noite de paz, un tema de orixe xermánico que nesta ocasión levaba de fondo o All blues de Miles Davis. En clave de música negra soaron tamén A belén pastores, Campá sobre campá, 25 de decembro e o Tamborileiro entre outras.
Para rematar, Christmas Blues, composta pola cantante e de onde recibe nome o espectáculo puxo punto e final, xunto con White Christmas a unha noite chea de creatividade.

Un grupo internacional

O saxofonista José Luis Gutierrez, outra das pezas claves do concerto, está considerado un dos maiores creadores musicais da actualidade. A súa contribución na evolución do jazz do noso país foi decisiva e recibiu dende os seus comezos o aplauso do público e da crítica. Compón todo o repertorio, dirixe os seus proxectos e os seus discos e xiras espertan interese en Europa, América e Asia.
Nesta ocasión rodeouse de grandes músicos que aportan as súas influenzas persoais a Christmas Blues. Por un lado, a impresionante voz de Velma Powell, en palabras do propio José Luis “a nosa propia estrela de Nadal, que neste caso é de chocolate e moi doce”. Nacida en Chicago e herdeira do blueswoman máis puro demostrou que non hai nota que se lle resista. O toque de jazz veu da man do italiano Tomaso Caggiani, que marcou o ritmo dende a súa batería. O español César Díez, dende o baixo, aportou o punto étnico e o “anglo hispano italiano, difícil de encadrar nun lugar concreto” da guitarra de Álex achegou aos asistentes ao blues.

Viño e petisco

Tras a actuación, a Vicerreitoría do campus convidou a todos os asistentes a un viño e un petisco para celebrar o Nadal e felicitar as festas. Nesta xornada de confraternidade estiveron presentes tamén, os intérpretes do concerto que charlaron animadamente cos invitados.