DUVI

Diario da Universidade de Vigo

250 mozos asistiron á representación teatral no Politécnico

Un espectáculo de educación vial conciencia á mocidade sobre os accidentes de tráfico

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 28/11/2007

Tralo seu paso polos campus de Vigo e Pontevedra o Road Show chegou ao Politécnico para concienciar a uns 250 xoves do perigo e as consecuencias dos accidentes de tráfico. A iniciativa, que se está a desenvolver por toda España, é un programa de educación vial baseado nunha representación teatral multimedia na que se simula unha noite de marcha. Un mozo de aniversario con ganas de troula introduce a historia e pouco a pouco van desfilando polo escenario un pinchadiscos, un policía, dous médicos, un bombeiro, un familiar da víctima e o propio accidentado. Aínda que algúns deles son actores que van de xira co show, a maioría son testemuñas reais que contan en primeira persoa a súa experiencia e o drama que supón un accidente. Á vez, intercálanse dramáticas imaxes que conmoven ao público e que neste caso conseguiron arrincarlle as bágoas.

Achegárse á mocidade no seu idioma

Ao remate do espectáculo, unha alumna comentaba “é bastante forte, estou impresionada. Son cousas que xa sabemos pero foi máis realista que as típicas campañas”. O obxectivo é xustamente implicar aos xoves na dramatización e facerlles ver que os accidentes de tráfico son algo cotiá pero falándolles no seu idioma, e dende o seu ambiente, para que estean máis receptivos. Así, poderá, tomar conciencia da que é a principal causa de mortalidade dos xoves e que o ano pasado se cobrou en Galicia 360 vidas. O acto foi organizado pola Asociación para o Estudio da Lesión Medular (AESLEME) e a Academia Internacional de Seguridade Vial (IRSA) e patrocinado pola Fundación Solidariedade Carrefour en colaboración coa Consellería de Política Territorial da Xunta. Precisamente o Road Show contou coa presenza do delegado da COTOP, Raúl Fernández así coma do subdelegado do goberno, Camilo Campo. En representación da Universidade acudiu o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez.