DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 20 ao 22 de novembro

O espírito de irmandade será o protagonista dos XXII Xogos Galaico–Durienses

Participarán 300 universitarios galegos e do Norte de Portugal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 19/11/2007

A Universidade de Vigo organiza unha vez máis os Xogos Galaico-Durienses, que terán lugar no campus de Pontevedra entre os días 20 e 22 de novembro. Este campionato ten o obxectivo de integrar a cultura do norte de Portugal coa cultura galega, de xeito que non sexa só un mero acontecemento deportivo, senón tamén que contribúa a un intercambio de experiencias. Algo que, ademais, “encaixa cos obxectivos das Nacións Unidas, segundo os cales o deporte é unha linguaxe universal que pode contribuír á unión das persoas, independentemente da súa orixe, crenza ou estatus económico”, segundo explicou o responsable do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo e organizador, Javier Rial, na presentación dos xogos.“O deporte desempeña un papel moi importante en niveis diferentes, posto que contribúe ao autocoñecemento, a un aumento da saúde pública e á relación entre persoas diferentes. Por conseguinte, o deporte é un espazo para a igualdade, a liberdade e o crecemento”, engadiu Javier Rial.
Esta competición, que comezou en 1993 na Universidade da Coruña e que todos os anos ten lugar nas instalacións das distintas universidades participantes (Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Universidade do Porto e Universidade do Minho), este ano celebra a súa décimo segunda edición con varios deportistas das seguintes modalidades: baloncesto mixto, fútbol sala mixto, voleibol mixto, orientación, tenis de mesa, duatlón cross e xadrez. Participarán arredor de 50 alumnos por cada unha das seis universidades de Galicia e o Norte de Portugal, un total de 300 participantes.

Calendario de actividades

O acto de inauguración terá lugar o martes 20 ás 12:00 horas, contando coa actuación do grupo teatral Quinto Acto. Xa pola tarde comezarán ás competicións das diferentes modalidades. Na xornada do mércores 21 os torneos iniciaranse ás 10:00 horas e pola noite celebrarase unha festa de convivencia para todos os participantes na sala de festas Garabás en Pontevedra. No último día dos XXII Xogos Galaico-Durienses, tras unha mañá de competicións, procederase á entrega de trofeos e clausura no Pazo da Cultura ás 13:30 horas.
Nesta edición tamén hai que salientar que a sección de xadrez da Universidade de Vigo, con motivo destes Xogos Galaico-Durienses, e no marco da Campaña de Promoción do Deporte en Idade Escolar, organizou para o mércores 21 unha exhibición de partidas simultáneas para os alumnos do CEP A Xunqueira, que terá lugar na Facultade de Forestais e na que os escolares poderán xogar co Mestre Internacional e actual número un galego, Roi Reinaldo e co Mestre Internacional e capitán do Universidade de Vigo de Xadrez, Pablo García. Este ano a unidade permanente de fisioterapia estará instalada na Escola Universitaria de Fisioterapia e se contará cunha caseta patrocinada por Coca-Cola, para repartir bebidas isotónicas aos participantes.

A Universidade de Vigo, que participa desta competición dende o inicio, conta xa cunha longa tradición. Tras ser anfitrioa tres veces, dende a I edición dos Xogos Galaico-Durienses conseguiu uns resultados moi positivos, xa que ocupou case sempre un dos tres primeiros postos (seis primeiros, catro segundos e catro terceiros).