DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo da Semana da Ciencia

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla abre as súas portas ao público

Do 12 ao 16 de novembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 12/11/2007

Con motivo da celebración das xornadas de divulgación científica “A vida mariña de Toralla” os centros de ensino secundario de Vigo, as cofrarías e o público en xeral terán por primeira vez a oportunidade de achegarse á Estación de Ciencias Mariñas da illa. A actividade, enmarcada dentro da semana da Ciencia, ten por obxectivo dar a coñecer o entorno mariño da zona, a riqueza dos hábitats costeiros e transmitir a importancia da explotación sustentable dos recursos da ría, ademais de “achegar o traballo que investigadores e científicos realizan nas instalacións da ECIMAT”, tal como comentou o seu director, Ricardo Beiras.
O venres será a xornada de portas abertas e ó longo de toda a semana grupos de escolares participan en visitas guiadas nas que poderán dar de comer a peixes e crustáceos e recoller mostras de auga do intermareal rochoso e areoso da illa para posteriormente analizalas no laboratorio, obtendo datos de temperatura e salinidade.
Para quen acuda estes días, a ECIMAT ten preparada unha exposición sobre a riqueza ecolóxica do Toralla, así como unha selección de acuarios representativos dos tres hábitats submarinos da illa. Polbos, chocos, camaróns, ostras, nécoras ou centolos son algunhas das especies que proceden dos fondos de coralillo, dos bosques de laminarias e dos cebales costeiros.

Estación de Ciencias Mariñas de Toralla

“Ciencias do Mar leva case vinte anos no campus e sempre precisou de laboratorios a pé de mar”, segundo palabras de Enrique Poza, director técnico do centro. Desta necesidade xurde ECIMAT, un centro único en Galicia para a investigación en ciencias mariñas, que leva dous anos en funcionamento.
As súas instalacións están compostas por un laboratorio de mostra, un pañol de mergullo, un pantalán, unha sala isotérmica, un laboratorio seco e outro húmido, un servizo de mergullo e cinco módulos de estudo. Estes recursos están a disposición de científicos da Universidade que traballan para resolver problemas ambientais, de contaminación e de xestión de recursos mariños, pero Ricardo Beiras, director da ECIMAT, prevé que “nun futuro próximo se lle poida dar cabida a investigadores externos e a empresas privadas que queiran aproveitar a excelente situación que ofrece Toralla, xa que todo o perímetro da illa conta cunha serie de ecosistemas moi diferenciados”