DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa

“Estase a producir unha diversificación que obriga ás universidades a pensar noutros tramos de idade e noutros obxectivos”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/02/2008
Das aulas de Secundaria, onde iniciou a súa actividade docente, deu o salto, na década de 1990, ás da Universidade, primeiro en Maxisterio e posteriormente na Facultade de Ciencias da Educación, onde actualmente exerce como profesor titular de Didácticas das Ciencias Experimentais.
Sumados son máis de trinta os anos de actividade docente que acumula este licenciado en Bioloxía e doutor pola Universidade de Santiago, orixinario do municipio lucense de Riotorto onde naceu o 6 de xaneiro de 1953.
Editor da Revista Electrónica de Enseñanza de las Ciencias e da editorial Educación Editora, o ámbito educativo centra as súas investigacións, entre as que tamén figuran traballos dedicados á bioloxía animal e ecoloxía dos ríos. Autor de varios libros e numerosos artigos, Pedro Membiela compaxina a súa actividade docente, desde hai case dous anos coas responsabilidades de vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, unha área encargada de actividades como o Programa de Formación Permanente de Profesorado da Universidade de Vigo, os Títulos Propios de Posgrao, o Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP) e o Programa para Maiores.

Para un profesional da docencia que leva 30 anos de exercicio e que desde hai, bastantes menos, a penas dous, é vicerreitor, cales son as claves da formación e por onde pasa a innovación educativa, neste arranque do século XXI?
Creo que as claves da docencia no século XXI son similares ás do século XX. No ámbito educativo non hai grandes descubrimentos, o que pode haber son redescubrimentos. A clave da docencia está onde estivo sempre: nas aulas e nos centros, entendéndoo no sentido máis amplo por que os espazos de aprendizaxe son moi diversos e non só están nos espazos físicos pensados para a docencia.
Na interacción entre alumnos e profesor é onde está a clave a docencia. Sempre estivo aí e eu entendo que sempre estará aí, de xeito que todo o que fagamos desde as institucións para contribuír a mellorar esa docencia de base, axudará a mellorar a educación.

Recentemente con motivo da súa intervención nun curso de iniciación á formación para a docencia universitaria, aseguraba que “os docentes debemos sentirnos orgullosos da nosa profesión”. Cre que se ten perdido ese sentimento de respecto dos propios docentes cara ao seu traballo, pero tamén dos alumnos ou da sociedade?
A valoración social é importante e ten evolucionado. Quizais a sociedade no seu conxunto tería que priorizar o que é a educación. Se agora estamos a poñer o exemplo de Finlandia, aprendamos tamén dese país no sentido de que a educación é máis prioritaria alí que aquí. Evidentemente a percepción social tamén incide no noso xeito de traballar como docentes e sobre a nosa valoración. Eu sempre digo que no ámbito da Universidade as cousas se están facendo ben, mellor incluso do que manifestamos ás veces. Hai moitos docentes que están facendo cousas interesantes e meritorias e o mellor todos temos que empezar a pensar que moito do que se fai está ben e está na liña correcta. Evidentemente a educación ten esa compoñente de “hai que mellorar”, incluso o que estamos facendo ben.

Como se explica que sexan os profesores universitarios os únicos que non reciben unha formación específica para dar clase aos seus alumnos?. Para dar resposta a esa carencia a Universidade de Vigo puxo en marcha un curso de iniciación á formación para a docencia universitaria que seguramente está a axudar a moitos profesores noveles, nunha tarefa que non é doada.
Hai unha frase que eu comparto que di que: “para ser profesor non chega con saber a materia”. Estamos en tradicións históricas e non é casualidade que no ámbito educativo de infantil e primaria haxa unha formación específica forte, na secundaria a formación é moito máis feble e na Universidade non había ningunha. O que si é certo é que dalgunha maneira distintas universidades están a albiscar a necesidade de facer cousas neste campo da formación e a innovacion educativa, e neste sentido a Universidade de Vigo vai un pouquiño por diante nesa idea de que hai que potenciar o apoio á docencia e concretamente a formación dos profesores noveles, os que hai pouco que están dando clase e tamén os que aínda non teñen experiencia docente. Esta é unha experiencia na que estamos empezando e no futuro temos a intención de seguir por esa vía con este curso de iniciación.

Desde a súa vicerreitoría desenvólvese un intenso programa de formación permanente de profesorado no que se abordan cuestións como as novidades lexislativas nos orzamentos do Estado e da Xunta, o blog docente, a comunicación escrita en inglés académico.... Cal é a finalidade deste programa e que nivel de participación ten, o digo por que amosa o interese do profesorado nunha formación continuada, non?
Está tendo unha acollida moi grande ,de feito, estamos tendo dificultades para atender a demanda. Ademais esta é un oferta que está desenvolvida en boa medida polos propios profesores da Universidade de Vigo, por que hai moitos profesores que están facendo moitas cousas interesantes que temos que aproveitar e difundir de xeito que os profesores coñezan o que fan outros compañeiros.
Así montamos as Xornadas de Innovación que van en progresión o que nos leva a que se creen uns mecanismos de maior participación. Estas xornadas xeran ademais unhas publicacións e se poden consultar nun portal web e tamén están gravadas en vídeo as intervencións dos participantes.
Outra das actividades que, considero está resultando moi ben, son as conferencias que se celebran con certa periodicidade. Ademais, e aquí si que temos innovado, asociado a cada conferencia de persoas de recoñecido prestixio, xeramos unha publicación paralela á charla baseada en achegas dos conferenciantes.
Outra liña máis de actividade é a colaboración con centros e departamentos. As liñas de colaboración son diversas e orientadas a que a formación e a innovación tamén se desenvolva nos centros e departamentos xa que ten que haber unhas accións centralizadas desde a vicerreitoría, pero ten que haber tamén accións descentralizadas, por que eles tamén son importantes na docencia.

A Universidade de Vigo dispón dunha ampla oferta de estudos de posgrao e formación continua a través de másters, cursos de formación ou complementarios. Cara onde considera que se debe encamiñar esta oferta?
Falamos de posgraos cunha situación diferente respecto hai uns anos, xa que agora temos os POP,S. É un campo que permite unha maior flexibilidade que debe diferenciarse e complementar á oferta oficial. Agora moita da xente que participa é da propia Universidade, pero temos que ir pensando tamén nos que non son alumnos nosos. Este ano apareceron algunhas iniciativas novas. Por exemplo, participamos máis en convocatorias no ámbito do traballo, de cursos do Fondo Social Europeo para desempregrados, onde tradicionalmente non estivemos, xa que estaban empresas ou sindicatos. Creo que é outro campo de formación onde nós debemos estar e que estamos empezando.
Pola súa banda a oferta de títulos propios está moi diversificada e cunha duración variable. Empeza tamén a potenciarse algo que estaba menos desenvolto como son as actividades de duración máis curta.

Parte importante das actividades que desenvolve a súa vicerreitoría son as do Programa para Maiores, unha oferta para facilitar ás persoas adultas unha formación integral e que está a ter unha gran resposta. Por onde cre que irá o futuro deste programa?
É unha parte da miña actividade á que lle teño unha especial querencia. É certo que no programa de maiores o grado de satisfacción de todo o mundo é moi elevado. Estes alumnos basicamente teñen un interese en formarse, non hai outras expectativas... ese interese é unha das claves. O seu obxectivo básico é aprender e non obter un título, o que facilita moito as cousas aos profesores e permite unha interacción moi positiva xa que son alumnos que che dan moito, aínda que tamén son esixentes. Así mesmo o grao de satisfacción dos profesores é moi elevado por que están con alumnos moi interesados en aprender.
Cómpre lembrar que o ano pasado organizamos no campus de Ourense o I Encontro Galego de Maiores con gran éxito de participación coa idea de que teña continuidade xa que é importante establecer un marco de colaboración entre as universidades galegas e a Xunta para articular o que é a universidade de maiores.

Este sector non sei se podería considerarse o futuro, pero nunha área xeográfica como Galicia, cunha poboación bastante envellecida, parece claro que non se pode descoidar.
Está claro que temos un público potencial elevado e con alumnos moi diversos, con diferentes niveis de estudos, o que obriga a unha aposta de futuro importante. A Universidade concentra a súa actividade fundamental nun segmento de idade moi determinado, entre 18 a 24 anos, e cuns obxectivos moi concretos, pero se está a producir unha diversificación que obriga a pensar noutros tramos de idade e noutros obxectivos. É o caso de persoas que xa remataron o seu período laboral, xubilados ou prexubilados, que queren continuar formándose por razóns de saúde física, mental ou emocional, xa que a actividade intelectual é prioritaria ao longo de toda a vida.

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior suporá importantes cambios no panorama educativo tal e como o coñecemos na actualidade. No caso concreto da formación, en que se traducirá?
Cómpre facer unha lectura positiva deste proceso no que se están a falar de cousas que poden parecer novas, pero que na realidade non o son, xa que a aprendizaxe centrada no alumno é o obxectivo de sempre e en calquera lugar.
En calquera caso hai que reflexionar sobre cuestións a mellorar na docencia e que como en calquera reforma, neste caso, precisa dos profesores aos que hai que implicar. Aproveitemos esta reforma para progresar e mellorar como profesores e que calle nas aulas, nos centros, nos departamentos...

Para rematar, que balance fai deste período á fronte da vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa e que obxectivos fundamentais ten no que lle resta de mandato?
Ata o de agora estou satisfeito co realizado. Considero que imos polo bo camiño, pero hai que desenvolver cuestións novas e progresar noutras que xa están abertas. Hai que potenciar a formación permanente, os ciclos de conferencias, as publicacións, e seguir progresando en colaboración cos centros e departamentos.
Temos previsto ademais outras iniciativas como a edición dun boletín de formación e innovación educativa, así como traballar na potenciación dos títulos propios de posgrao e o desenvolvemento xunto coas institucións galegas dos programas de formación de maiores.