DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Federico Vilas, responsable da Área de Estratigrafía da Universidade:

“Estou convencido de que a tecnoloxía permitiranos avanzar con pasos de xigante na orixe do universo e consecuentemente no que nos depara o futuro”

Na conferencia “Catro revolucións científicas relacionadas coa nosa orixe”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 04/04/2008

Podería unha catástrofe nuclear acabar coa vida tal e como sucedeu coa extinción dos dinosauros? Deixando esta reflexión no aire rematou Federico Vilas a súa conferencia, Catro revolucións científicas relacionadas coa nosa orixe, na que os asistentes puideron coñecer unha serie de feitos xeolóxicos e de teorías biolóxicas que aínda hoxe sustentan as bases das investigacións da ciencia actual. Ante un aforo completo no Auditorio de Caixanova e enmarcado dentro das actividades da Cátedra Álvarez Osorio que a Universidade mantén coa Escola Naval Militar de Marín, o responsable da Área de Estratigrafía da Universidade explicou que “as revolucións científicas actuais pasan inadvertidas mentres que recoñecemos a importancia dos descubrimentos que ocorreron fai uns 40 ou 50 anos”, ao que engadiu que “en relación con esta idea, escollín catro casos científicos relacionados coas ciencias da terra e célebres pola controversia que han suscitado no seu día, para analizar os feitos relacionados coa nosa orixe, é dicir, o da natureza e a influencia do universo que nos rodea”.
Eses catro casos aos que se refire Vilas transcorren ao longo dos últimos 400 anos e se poden sintetizar como a revolución dos astrónomos, a revolución dos biólogos, a dos xeólogos e, finalmente, a dos planetólogos. Tal e como explicou o profesor, “non é a miña intención sacar conclusións do que pode pasar no futuro, sinxelamente prefiro que cada quen analice a historia e afonde nela acadando as súas propias reflexións, pero estou convencido de que a tecnoloxía permitiranos avanzar con pasos de xigante na orixe do universo e consecuentemente no que nos depara o futuro”.
O doutor en xeoloxía estivo acompañado no relatorio polo vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade, Iván Area Carracedo e o director da Cátedra Álvarez Osorio, José Gabriel Martínez Ratero.

Galileo contra o xeocentrismo

Vilas comezou o relatorio repasando os pensamentos de Galileo nos que sostiña que a Terra non era o centro do universo, senón un planeta máis dentro dun sistema de unha magnitude dificilmente comprensible. A Igrexa nesa época era o maior obstáculo para dar a coñecer esas investigacións, xa que todo aquilo que puidera contradicir os textos bíblicos era obxecto de herexía. Galileo, a través dos seus estudos foi escalando postos na clase social, pero sempre baixo a atenta mirada do sector eclesiástico, que intentaba derrotar as súas teorías. Coa obra O diálogo de Galileo Galilei Linceo, o científico pretende amosar de novo as súas ideas, polo que foi chamado ante a inquisición e recluído ata a súa morte en 1642.

Darwin contra o antropocentrismo

Se Galileo permite entender que a Terra non é o centro do universo, Darwin demostra, 200 anos máis tarde, que as especies que habitan no noso planeta nin foron creadas de unha soa vez, nin son inmutables. Todo comezou na famosa viaxe ao redor do mundo do buque Beagle en 1831, cando Darwin é invitado a ir como naturalista do proxecto. Tras cinco anos de traxecto, volve a Inglaterra para relatar os seus descubrimentos obsesionado coa idea de que as especies foron evolucionando ata como as coñecemos hoxe. Nunca dubidou de que a súa convicción fora correcta, a pesar da oposición da Igrexa. Por prudencia tardou vinte anos en sacar á luz as súas teorías e en 1859 se publicaba A orixe das especies, antesala de todas as teorías posteriores.

Wegener contra o fixismo

Pola súa banda, Wegener, coa súa teoría do movemento dos continentes encaraba a Darwin afirmando que un continente fracturouse fai 180 anos, primeiro no hemisferio norte e logo no sur. Por desgraza o mecanismo que empregou para explicalo resultou erróneo nas súas primeiras investigacións e botou abaixo a súa hipótese. Máis adiante, logrouse demostrar que Wegener estaba no certo e grazas a esa teoría explicáronse moitos dos sucesos naturais que antigamente se outorgaban a sucesos milagrosos. Este autor morreu sen a consideración científica que merecía.

Os Álvarez contra o autoctonismo

Se a vida evolucionou en continentes que en algún momento estaban unidos e que logo estaban separados, a pregunta que xorde é: como se creou a vida?. Os científicos Luis e Walter Álvarez, pai e fillo, explicaron a extinción dos dinosauros por causa dun meteorito que chocou contra a Terra. Suxerían que este asteroide, podería ter uns 10 km de diámetro e impactara sobre o planeta diminuíndo a luz, coa consecuente destrución do proceso da fotosínteses e todo o que elo ocasiona, a rotura da cadea de alimentación e o fin das especies. A escuridade, o enfriamento global, o efecto invernadoiro e as choivas ácidas son as catro razóns básicas que explican a extinción dos dinosauros e simplemente con trasladar estas causas aos nosos tempos, poderíamos imaxinar o que sucedería.
Esta é a base de moitas das investigacións actuais que especulan sobre que restos de outros planetas son os que poderían axudar á orixe da vida.