DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso que se celebrará durante os meses de outubro e novembro

Estou formará a directoras e directores de tempo libre

A actividade desenvolverase no campus durante as fins de semana

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 10/09/2019

Cada curso académico, a Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense (Estou), coa colaboración da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, organiza diferentes cursos acreditados pola Xunta de Galicia para ser monitoras e monitores de tempo libre. Dando un paso máis nesta oferta, este curso académico a escola ofrece tamén a posibilidade de formarse para ser directoras e directores de actividades de tempo libre.

“Estou aposta pola formación continua neste comezo do curso 2019/2020 convocando un curso de directoras e directores de actividades de tempo libre para aproveitar a demanda que nos derradeiros anos faise desta figura nos campamentos de verán”, comenta Millán Brea en nome da organización. Trátase, apunta, “dunha formación máis técnica” que a que ofrece o curso de monitoras e monitores “aínda que seguimos apostando por unha base de intervención social e animación sociocultural nas aulas". Durante os case seis anos de vida da Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense, detalla o profesor da Universidade de Vigo, son moitas as persoas formadas no curso de monitoras e monitores “e Estou quere seguir apostando por estas persoas que ano tras ano saen das nosas aulas”.

O curso está previsto que se imparta no campus de Ourense os venres pola tarde e sábados e domingos pola mañá e pola tarde desde o 4 de outubro ata o 10 de novembro de 2019. Os requisitos para matricularse, indican desde a organización, son os esixidos polo decreto que regula este título de carácter oficial, sendo necesario estar en posesión do título de monitora ou monitor de actividades de tempo libre; posuír, cando menos, un título de ensino secundario; acreditar unha experiencia de traballo como monitora ou monitor no campo da educación/animación no tempo libre de cando menos 250 horas ou como integrante do equipo de animación en colonias ou campamentos por un total de 30 días, logo da obtención do título de monitora ou monitor. A inscrición no curso ábrese este martes 10 de setembro. O prezo é de 150 euros ou 120 euros con moeda social, é dicir, realizando ademáis 30 horas en actividades de intervención social coas entidades organizadoras.