DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ás que concorrían partidos creados polo alumnado e inspirados en formacións da Transición

Estrelados gaña as eleccións ficticias da Facultade de Comunicación

Cunha estética inspirada no nacionalismo galego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/05/2026

Poucas horas despois de que a Universidade de Vigo celebrase eleccións á Reitoría e ao Claustro, a Facultade de Comunicación acollía unha segunda contenda electoral, na que partidos creados polo alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas dispútanse parte da súa nota nunha materia. Co propósito de conmemorar os 50 anos da democracia en España, as formacións ideadas polo alumnado da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional debían inspirarse en partidos que concorreran ás primeiras eleccións da Transición. Aberta ao alumnado e persoal da facultade, un total de 117 persoas participaron nesta votación, na que a vitoria foi para Estrelados, que inspiraba a súa estética nos partidos nacionalistas galegos.

Con Ángel Regueira como candidato, Estrelados acadou un total de 45 votos, sete máis que 4P (Partido Proletario del Pueblo de Pontevedra), unha formación inspirada no PCE, que concorría a estes comicios con Lucía Costas como candidata. En terceiro lugar sitouse Pinky Promise, inspirada na UCD e na Panteira Rosa, que presentaba a Arantxa Palacios como candidata. Nestas votacións podía participar o profesorado, persoal e alumnado da facultade, coa excepción do estudantado participante nesta actividade, e nela rexistráronse tamén dous votos nulos. 

Promovida polo profesor Xosé Rúas e dirixida a que o estudantado poña en práctica os coñecementos adquiridos na materia nunha campaña electoral, a votación deste xoves puña peche a preto de dúas semanas de campaña, nas que os partidos ideados polo alumnado levaron a cabo diferentes actividades na facultade, á vez que protagonizaron mitins e un debate entre candidatas e candidato. Inicialmente, nesta actividade participou un cuarto partido, Hechas y derechas, cuxa estética, explican, inspirábase na Falgane desde unha perspectiva irónica. Non obstante, a raíz a “dos comentarios xerados nas redes sociais” e co propósito de evitar “malos entendidos”, optaron por non continuar na campaña, pasando as e os estudantes que o conformaban a integrarse nos outros tres partidos.