DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola acolle este venres e sábado o evento final de décimo segunda edición de Pontenciencia

Estudantado de 16 colexios e institutos presentará as súas investigacións na EE Forestal

Serán avaliados por persoal investigador do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 06/05/2025

Este venres e sábado, a Escola de Enxeñaría Forestal será novamente a sede da Feira da Miniciencia, o evento final do programa Pontenciencia, dirixido a achegar o método científico ao estudantado de primaria e secundaria, así como á sociedade en xeral. Promovido polo Concello de Pontevedra, co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a colaboración, entre outros, da Vicerreitoría do campus, esta feira contará coa participación do estudantado de 16 colexios e institutos de Pontevedra. Nela, presentarán os resultados das 28 investigacións que desenvolveron ao longo dos últimos meses e que serán avaliadas por un comité científico integrado por persoal investigador da Universidade de Vigo e do CSIC. 

A XII Feira da Miniciencia presentouse este martes no Concello, nun acto que contou coa participación do concelleiro de Educación, Demetrio Gómez; o director da área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres; o director do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), Pablo Otero; a profesora da EE Forestal Purificación Marcet, responsable dos comités científicos; e representantes das empresas Ceyeda, Viaqua, Setga e Cristalería Pontevedresa, que patrocinan os premios 'Homenaxe á muller investigadora', dirixidos ao alumnado de secundaria e formación profesional. 

16 centros, 34 proxectos

Esta feira, sinalou Gómez, constitúe a “culminación do traballo” desenvolvido ao longo do curso “por 23 equipos de traballo”, integrados tanto por estudantado como por familias, que tras formarse no método científico levaron a cabo un total de 34 proxectos de investigación. Deles, 14 corresponden aos proxectos realizados para a categoría 'Ciencia no cole' por alumnado de dez colexios; Parada-Campañó, Santo André de Xeve, Froebel, Cabanas, Daría González, Ponte Sampaio, Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra, Sagrado Corazón de Placeres e Los Sauces. Farano o venres pola mañá, mentres que pola tarde chegará o momento de avaliar os 14 proxectos realizados polo alumnado de secundaria e formación profesional, procedentes dos IES Gonzalo Torrente Ballester, Montecelo e Luís Seoane, do CFEA Lourizán, do Sagrado Corazón e de Los Sauces.

Outros seis proxectos, correspondentes á categoría de 'Ciencia en familia', defenderanse na mañá do sábado, xornada que se completará coa entrega de premios nas diferentes categorías, aos que se incorpora neste 2025 un galardón á mellor investigación en ciencias mariñas, promovido polo Centro Oceanográfico de Vigo. 

Dous días repletos de actividade

Máis aló da presentación das diferentes investigacións, a programación desta Feira da Miniciencia complétase cun programa de obradoiros e actividades, dirixidos tanto aos escolares participantes na xornada do venres como ao conxunto da cidadanía o sábado. Ao longo destes dous días, a EE Forestal acollerá preto dunha trintena de propostas, como visitas á xiloteca da escola e ao arboreto do campus ou a exposición As mulleres que nos levaron á lúa, coa que a UVigo busca recoñecer o traballo de mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da misión Apolo XI. Na mañá do venres, mozos e mozas poderán coñecer tamén as aplicacións dos estudos que se imparten na EE Forestal e na Escola de Enxeñería Industrial, mentres que a Delegación de Alumnado deste último centro responsabilizarase o sábado dunha actividade con lentes de realidade virtual, robots e lapis 3D. Aberta ao público, na programación desta segunda xornada insírese tamén un taller do proxecto 'Te lo cuentan las matemáticas', do grupo de innovación docente MaReMa e cinco propostas impulsadas polo Programa Universitario de Maiores da UVigo, como os talleres 'Pintar con luz', 'O ximnasio da mente' ou 'Biomecánica e marcha nórdica'. Así mesmo, Pontenciencia permitirá tamén coñecer o labor da asociación estudantil UVigo Space Lab.