DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por investigadoras do campus ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0

O estudantado de bacharelato asocia as enxeñarías á industria, pero non ás “necesidades humanas e sociais"

As alumnas relaciónanas en maior medida coa agricultura e a alimentación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/02/2022

O alumnado de bacharelato ten unha “concepción estereotipada” das enxeñarías e tecnoloxías, que asocian maioritariamente á industria, pero que, en moitos casos, “non se relacionan coa atención ás necesidades humanas nin sociais”. Este é unha das principais conclusións do estudo que investigadoras e investigadores da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte levaron a cabo coa participación de preto de 600 estudantes de bacharelato, ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. A través dun cuestionario, no que se lles presentaban unha serie de imaxes, esta investigación permitiu constatar como máis do 90% das e os participantes relacionaban a industria pesada, as torres de alta tensión, as enerxías renovables, as TIC ou a industria petrolífera coas enxeñarías e tecnoloxías, que, pola contra, máis do 50% das e os participantes non vinculaban cos tecidos, a moda, os bosques ou os produtos alimenticios. 

Seleccionado na convocatoria de axudas á investigación desta cátedra promovida pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, o proxecto Alumnas e alumnos de segundo curso de bacharelato científico-tecnolóxico de Galicia diante das enxeñarías e das tecnoloxías: unha imaxe estereotipada? partiu da realización dun cuestionario online a “unha mostraxe representativa do alumnado de segundo curso de bacharelato de ciencias”, na que estivesen representadas tanto as grandes cidades galegas como as vilas de pequeno e mediano tamaño, como explica a súa investigadora principal, Azucena Arias. Un total de 577 estudantes, 308 mulleres e 269 homes, participaron nun estudo no que se lles presentaban 60 ilustracións, “sen presencia de persoas nin de ningún atributo humano, de tal maneira que non se inducise a asignalas nin a mulleres a homes”, e solicitábaselles que sinalasen se a imaxe en cuestión estaba ao seu xuízo relacionada coas enxeñarías, coas tecnoloxías, con ambas ou con ningunha. 

Unha imaxe estereotipada con diferencias entre sexos

“A imaxe das enxeñarías e das tecnoloxías é estereotipada e detéctase falta de información no colectivo de estudantes”, salienta Arias, que levou a cabo este estudo xunto con Eulalia Agrelo, Xabier Álvarez, Tamara Amorín, Rocío Araújo, Daniela Barria, María Lorenzo, Uxío Pérez, Mercedes Varela, Francisco Serrallé e María Álvarez Lires. “En moitos casos”, explica, as enxeñarías e tecnoloxías “non se relacionan coa atención a necesidades humanas, nin sociais”, como por exemplo, ausencia de contaminación, próteses, alimentación, agricultura ou vestimenta. Ao mesmo tempo, o feito de que neste cuestionario anónimo unicamente se rexistrase o sexo da persoa participante, permitiu detectar “diferencias significativas” nas visións dos alumnos e as alumnas, sendo estas últimas as que perciben en maior medida “que a agricultura e os produtos alimentarios e de hixiene teñen relación coas enxeñarías e tecnoloxías”. 

Sen distinción por sexos, as ilustracións maioritariamente asociadas, no 95% dos casos, a estes dous ámbitos foron as relativas á industria pesada e a un foguete espacial. Do mesmo xeito, máis do 80% do alumnado sinalou a súa relación coas grandes infraestruturas, maquinaria pesada, chemineas dunha central térmica, avións, microscopios, redes sociais, cámaras de fotos ou diferentes electrodomésticos. Pola contra, preto do 74% das e os participantes non viron esa relación nas imaxes que facían referencia ao viño, aos tecidos e á moda. Así mesmo, o 67% das persoas participantes non vincularon as conservas coas enxeñarías e tecnoloxías, un 63% non as asociaban a unha “paisaxe limpa” e un 56% non as relacionaban co bosque.

Non obstante, nestas porcentaxes detectáronse “diferencias signifcativas” en función do sexo, como explica Arias, de tal xeito que a relación destes dous ámbitos cos tecidos foi referenciada por máis do 94% das mulleres participantes e por menos do 25% dos homes. Igualmente, o 52,3% das rapazas asociaron a imaxe dunha pasta de dentes coas enxeñarías e tecnoloxías, fronte ao 38% dos rapaces; diferencias que tamén se detectaron, aínda que en menores porcentaxes, nas ilustracións que presentaban bobinas de fío, envases, conservas, viño e a agricultura. Nese senso, Arias incide en que existe unha concepción das enxeñarías e tecnoloxías “máis nesgada ao ‘masculino’ e á desvalorización do ‘feminino’ nos homes, mais as rapazas non están libres dese nesgo”, sinalando como exemplo que preto do 85% relacionaron con estes ámbitos os vasos de precipitados dos laboratorios, mentres que pouco máis do 50% viron esa relación nos recipientes domésticos de vidro. 

Pór en valor ás achegas á humanidade para incorporar máis mulleres

 “Son precisos cambios no pensamento e na acción” conclúen as e os responsables deste estudo, que, como explica Arias, avogan por promover, en todos os niveis educativos, “accións que axuden a modificar a imaxe, o ensino e os enfoques androcéntricos das enxeñarías e das tecnoloxías, así como poñer en valor a experiencia tecnolóxica feminina”. Neste punto, poñen de relevo que “é absolutamente necesario cambiar a imaxe da natureza da ciencia e da tecnoloxía que se transmite” nas aulas e que “ignora o carácter social do desenvolvemento e non contribúe a avanzar nos Obxectivos da Axenda 2030”. Neste punto, poñen o foco en que a Unesco subliñou recentemente que se o papel das enxeñarías e tecnoloxías “se fixese máis visible en forma de achegas ao benestar da humanidade e se comprendese mellor, é posible que máis xente preocupada polos problemas do mundo se sentiría atraída polos estudos tecnolóxicos e, en particular, máis mulleres pensarían na enxeñaría como unha carreira adecuada para elas e as súas inquedanzas”.