No marco dun proxecto de innovación, centrado en promover unha aprendizaxe interdisciplinar
O estudantado de Ciencias da Educación e do Deporte deseña recursos didácticos a partir dos principios da neurociencia
Unha selección dos materiais realizados difundíronse a través da rede
“Explorar e aplicar os principios clave da neurociencia na creación de contornas educativas que favorezan unha aprendizaxe integral”. Este era o propósito central dun proxecto de innovación docente desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que levou a preto de 200 estudantes a deseñar unidades didácticas, recursos e actividades que promovesen unha aprendizaxe interdisciplinar, englobando contidos de varias disciplinas. “Desde a neurociencia explícase que o cerebro humano aprende mellor a través de experiencias que involucran diferentes áreas”, sinala a profesora Myriam Alvariñas, investigadora principal dun proxecto levado a cabo en diferentes materias de grao e mestrado, nas que o alumnado traballou no deseño dunha serie de recursos, nos que puñan tamén o foco na inclusión “da actividade física e a expresión artística como parte fundamental da aprendizaxe”. Unha selección dos diferentes materiais realizados foron difundidos como recursos educativos de acceso libre a través da rede, na fase final dun proxecto que se viu complementado pola posta en práctica de varias das propostas deseñadas en dous colexios da provincia de Pontevedra.
“A neurociencia ofrece unha valiosa perspectiva sobre como aprende o cerebro humano”, sinala Alvariñas, que incide en como o achegamento aos principios desta disciplina proporcionou aos futuros e futuras docentes un “soporte teórico” respecto da importancia dos procesos de aprendizaxe interdisciplinares, que fomentan “a conexión de conceptos, o pensamento crítico, a resolución de problemas e a colaboración”. Do mesmo xeito, o proxecto outorgaba tamén especial relevancia á combinación da actividade física con outro tipo de aprendizaxes, dado que esta “favorece a plasticidade cerebral e a neuroxénese”, así como ás actividades artísticas, que “fomentan a creatividade e a imaxinación, involucrando diferentes rexións cerebrais”.
A abordaxe destes principios conectouse á súa vez coas “características das materias” involucradas no proxecto, promovendo que o alumnado desenvolvese, explica Alvariñas, “situacións de aprendizaxe interdisciplinares, aplicando metodoloxías activas”, conectadas coa motricidade, a literatura dramática e a música. Xunto a esta investigadora do grupo Gies10, esta iniciativa contou coa participación de Sara Domínguez, Eulalia Agrelo, Xoana Reguera, Yaiza Taboada, Diego Alonso, María José Martínez Patiño, Águeda Gutiérrez, Jorge Soto, Lucía Lomba, Mario Diz, Julia Criado del Rey, Iago Portela e Margarita Pino. Seleccionado na convocatoria de innovación educativa promovida pola facultade en 2024, o proxecto Situacións de aprendizaxe interdisciplinares baseadas nas achegas da neurociencia completouse cunha avaliación das competencias adquiridas polo alumnado, que se recolle agora nunha publicación que fai balance dun proxecto que permitiu constatar como “a incorporación dos principios da neurociencia no deseño do currículo pode mellorar significativamente a calidade da educación”.
Do deseño de xogos á reescritura de contos
Entre as propostas deseñadas polo alumnado atópanse recursos como un podcast “para romper estereotipos sobre deporte e discapacidade”, o deseño dunha feira de “xogos cooperativos que promove valores educativos”, a creación de “xogos alternativos a partir da reciclaxe” ou a recreación dun museo na que o alumnado debe representar obras a través da expresión corporal. Estas foron algunhas das propostas desenvolvidas na materia Educación física e a súa didáctica, do Grao en Educación Primaria, mentres que o estudantado do Máster de Profesorado deseñou “pílulas formativas” audiovisuais “sobre situacións de aprendizaxe interdisciplinares”, dirixidas a alumnado de secundaria.
Na materia Didáctica da lingua e a literatura do Grao en Educación Infantil,o alumnado levou a cabo dramatizacións de contos populares que debían conectar cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), realizando tanto un podcast coa súa lectura dramatizada como a súa posterior “reescritura” como unha peza escénica. Por outra banda, no Máster en Investigacion e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria, as e os estudantes deseñaron unha serie de maquetas e instalacións que recreaban “o universo ficcional dunha obra literaria”, formulando un percorrido no que as e os lectores debían resolver “diferentes desafíos” para avanzar.
Ademais, a modo de “estudo piloto”, apunta Alvariñas, varias das actividades trasladáronse a un “contexto real de aprendizaxe” en dous centros de primaria. Tratábase, por exemplo, de propostas como uns “xogos cooperativos” que conectaban música, actividade física e lingua galega e castelá ou dunha “misión pirata”, que integraba retos matemáticos e lingüísticos a través da motricidade.