Ourense acolleu este mércores unha nova edición desta iniciativa
Estudantado, empresas e institucións dialogan na feira EmpregoInCampus
O seu obxectivo é fomentar a empregabilidade do estudantado universitario
Despois de celebrarse a pasada semana no campus de Vigo, a feira EmpregoInCampus, a cita de referencia anual co emprego na Universidade de Vigo, chegou este mércores a Ourense. No pavillón de deportes universitario, alumnado dos nove centros deste campus, especialmente o dos últimos cursos de grao, de doutoramento e de mestrado, puido coñecer de primeira man as oportunidades de desenvolvemento profesional que lles ofrecen arredor de 70 entidades públicas e privadas de diversos sectores e contactar directamente con elas.
Seguindo a dinámica de edicións anteriores, a actividade estivo organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e das súas escolas e facultades. Contou con arredor de 40 stands, unha ducia de mostradores informativos de institucións e unha zona específica na que alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática puido realizar entrevistas persoais con arredor de 25 empresas. A feira contou cunha visita institucional á que asistiron, entre outras autoridades, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Natalia Capirrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo; Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense; Marta Vázquez, directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na provincia de Ourense; Tamara Silva, concelleira, e César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación.
A listaxe de entidades participantes na feira foi como en edicións anteriores moi diversa e o estudantado puido achegarse a postos de empresas e organizacións de sectores vinculados ás diferentes titulacións que se imparten no campus ourensán, desde o tecnolóxico e o alimentario ata o xurídico e o turístico. Igualmente participaron institucións como a Xunta de Galicia, a Axencia Tributaria e o Ministerio de Defensa. Tamén houbo un espazo específico da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo no que o estudantado tiña a posibilidade de facer o seu Pasaporte de Emprego, recibir consellos sobre como mellorar o currículo e afrontar entrevistas e mesmo facerse unha foto profesional para o seu curriculum.
Unha boa acollida
Durante o desenvolvemento da feira, Natalia Capirrini destacou que EmpregoInCampus Ourense tivo unha edición máis “unha acollida fenomenal por parte das empresas e das institucións”, apuntando que a feira cada vez é máis coñecida entre elas. A cita celebrada no campus de Vigo, apuntou, bateu o seu récord de afluencia e a expectativa para Ourense era tamén superar as cifras de anos anteriores. Entre as novidades desta edición, a vicerreitora destacou o uso da plataforma JobTeaser, que non só facilitaba a inscrición senón tamén a interacción previa do alumnado coas entidades participantes e a xestión de citas coas empresas que máis lle interesaban. Do mesmo xeito, a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, salientou da feira o interese de que o alumnado non só estableza contacto con empresas moi coñecidas publicamente senón tamén que se achegue a empresas moi relevantes nos seus respectivos sectores pero que non teñen esa proxección pública. Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, recalcou a importancia desta cita na actividade do campus e a súa utilidade tanto para o alumnado universitario como para as entidades que buscan incorporar talento. Neste senso, o responsable académico puxo en valor as altas taxas de empregabilidade das diferentes titulacións que se imparten nas escolas e facultades ourensás.
Entre as e os estudantes que este mércores se achegaron ao pavillón de deportes a percorrer os diferente stands estiveron, de terceiro curso do Grao de Enxeñaría Informática, Emma Romero e Ismael Conde. “A feira está moi ben, hai moita información e de cara ao noso futuro está moi ben poder ver as diferentes posibilidades que temos”, comentou Emma Romero. Compartindo esta opinión, Ismael Conde salientou da feira que “é unha forma coñecer o mundo laboral” e sinalou como froito da visita a EmpregoInCampus Ourense aínda que sempre pensou en enfocarse profesionalmente ao sector privado, agora xa tamén valora a posibilidade de enfocarse cara o sector público.
