DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre os contidos hai visitas culturais e turísticas pola cidade e a súa contorna

O estudantado estranxeiro mergúllase na lingua e cultura española durante a súa estancia en Vigo

O Centro de Linguas imparte un curso intensivo de español para estranxeiros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudar
DUVI 22/07/2019

O verán é un gran momento para mergullarse na aprendizaxe de idiomas. Así o entenden no Centro de Linguas (CdL) da Universidade de Vigo que, durante o período estival, oferta unha morea de cursos intensivos, para todos os gustos e para todos os niveis. Entre este catálogo, destaca a ensinanza de español para estranxeiros, un curso que  cumpre unha dobre función: por unha banda, darlle ao alumnado todas as competencias necesarias para completar o seu currículo no idioma e, por outra, ofrece unha experiencia de inmersión cultural e lingüística a través de distintas visitas e actividades pola cidade de Vigo e a súa contorna. 

O estudantado estranxeiro accede a este curso por motivos variados, xa que non se trata dunha actividade reservada só para aquelas persoas que queiran certificarse para optar a cursar un grao ou un mestrado en España, senón que tamén é moi útil para quen está vivindo unha experiencia de inmersión con familias españolas ou para aquelas persoas que, por motivos persoais, viñeron vivir a Vigo. Este ano no curso participan 27 alumnos e alumnas, que se  organizan en distintos grupos, segundo o seu nivel. “Temos alumnos e alumnas de Indonesia, EE.UU, Malasia, Filipinas, India, Brasil, Canadá e Francia” salienta Mercedes Álvarez, xefa de estudos do CdL, que tamén indica que o 65% proceden dos tres primeiros países mentres que o resto se reparte entre as restantes nacionalidades. O nivel de coñecemento lingüístico e cultural co que chegan e variado e “hai un pouco de todo. O alumnado europeo ten un coñecemento cultural maior que o estudantado doutras nacionalidades. Os que veñen con pouco coñecemento cultural e lingüístico, en liñas xerais, son os alumnos e alumnas asiáticas”, subliña Alvárez. 

Visitas culturais para unha experiencia inmersiva

O estudantado que participa neste programa de ensinanza de español para estranxeiros, tomará parte en diversas visitas turísticas e de interese cultural cara a conseguir a integración nas costumes do seu país de acollida, así como a mellora das súas capacidades comunicativas a través da interacción coa cidade e os seus habitantes. O alumnado, que comezou a súa andaina nesta edición o pasado 17 de xuño, fixo unha visita por Vigo, que incluíu unha explicación histórica da cidade, dende a prehistoria ata a actualidade. Este primeiro contacto coa cidade olívica, rematou cunha xincana na que os alumnos e alumnas tiveron que conseguir datos da cidade entrevistando aos cidadáns, o que serve como axuda para practicar expresións orais informais e a integrarse na sociedade dende o primeiro momento. 

O vindeiro 26 de xullo remata o curso e, ademais das visitas por Vigo, o alumnado do Centro de Linguas tamén visitou a bodega Martín Códax, da denominación de orixe Albariño, un percorrido polos viñedos para coñecer o proceso de recolección e elaboración e que finalizou cunha cata do produto. Ademais, tamén realizaron unha visita guiada polo Museo do Mar de Vigo; unha viaxe en barco pola ría de Arousa para ver as bateas nas que se cultiva o mexillón e, para poñer o punto final a esta experiencia, unha visita á illas Cíes, que incluíu a travesía ata o Parque Nacional e unha ruta. De de todas  as actividades de inmersión que se levan a cabo no programa intensivo de ensinanza de español para estranxeiros “as visitas que máis éxito teñen son ás Cíes, a bodega e a visita ás bateas”, salienta a xefa de estudos. 

Unha metodoloxía transversal para reforzar as capacidades comunicativas

Ademais das clases teóricas e prácticas, o curso conta con obradoiros a través dos cales os alumnos e alumnas poden afondar na idiosincrasia da zona, o que o converte nunha actividade de carácter transversal que tenta reforzar as capacidades comunicativas do estudantado. “O profesorado considera estes cursos de verán moi enriquecedores en todos os sentidos. Hai estudantes que están máis relaxados que outros, xa que algúns teñen a presión de ter que acreditar mentres que outros están aquí por turismo lingüístico”, subliña Álvarez. 

A través das clases, das visitas didácticas e dos obradoiros, o estudantado entrará en contacto con materiais auténticos dende o punto de vista lingüístico e cultural. Trátase dun curso ben valorado tanto polo profesorado como polos alumnado e ”os que están por motivos persoais xa están contentos aquí, pero os que veñen exclusivamente a estudar a Vigo namóranse da cidade”, subliña Álvarez.