DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha serie de vídeos en redes sociais, realizados co apoio da ONG Ecos do Sur

O estudantado da Facultade de Comunicación achega á cidadanía ferramentas contra a desinformación

No marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/11/2024

“Que o traballo que se fai dentro da aula teña algún tipo de repercusión positiva na sociedade”. Este é, como sinala o profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte, o propósito central da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), na que se sustenta o proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática. Esta iniciativa leva ao alumnado deste centro a crear unha serie de vídeos dirixidos a mostrar á cidadanía “que é a desinformación, por que funciona e cales son as estratexias e ferramentas para combatela”, sinala este docente. Preto de 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual participan no presente curso, baixo a coordinación de Dafonte, na sexta edición dunha iniciativa seleccionada na convocatoria de Aps no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade de Vigo e na que o alumnado conta novamente co asesoramento da ONG Ecos do Sur.

De entender a problemática a como combatela

No marco da súa formación na materia Propaganda en medios audiovisuais, as e os estudantes deben desenvolver, divididos en sete grupos, dez vídeos de curta duración, pensados para a súa difusión en redes sociais e que, ao longo deste cuadrimestre, deben ir publicando semanalmente nos perfís que crearon para este proxecto. Como apunta Dafonte, investigador do grupo Sepcom e responsable do grupo de innovación docente Dixitais, o primeiro destes vídeos debía centrarse “en explicar que é a desinformación e por que é algo perigoso ou importante”, mentres que as restantes pezas poden incidir en diferentes aspectos das liñas temáticas propostas. Estas abranguen, en primeiro termo, “falar de que existen distintos tipos de desinformación” e que esta non se limita á difusión de noticias falsas, senón que comprende tamén outras modalidades, como informacións que se presentan dun xeito “impreciso ou enganoso” cunha determinada intencionalidade, intentos de suplantar a identidade de persoas e institucións ou a manipulación de vídeos ou fotografías. Ademais, os seus vídeos deberán “falar tamén de por que funciona a desinformación e de estratexias e ferramentas para combatela”. 

Colaboración de Ecos do Sur

Para a correcta abordaxe destes aspectos nos diferentes vídeos, á formación e recursos que lles traslada Dafonte na aula sumáronse dous seminarios virtuais con integrantes do equipo de comunicación de Ecos do Sur, unha ONG galega fundada en 1992 e que centra o seu labor na loita contra as desigualdades. Neste marco, traballa desde 2016 na prevención e abordaxe do discurso do odio en internet, a través da súa liña CibeRespect, unha iniciativa que recibiu o Premio á Innovación Social da Fundación La Caixa e o premio ás boas prácticas do Colexio de Traballo Social de Galicia e na que se insire a súa colaboración con proxectos formativos como este ApS.

“Permítelles ter outro de punto de vista, o de xente que traballa día a día combatendo a desinformación, por exemplo, contra as persoas migrantes”, apunta Dafonte, que ao mesmo tempo analiza cada semana cos diferentes grupos as pezas presentadas. “Comentamos a maneira de melloralos”, explica, non no referido a aspectos estéticos ou de estilo, pero si no que afecta á precisión e idoneidade das mensaxes trasladadas, dada a dimensión divulgativa do proxecto. “Paréceme unha maneira moi positiva de que conceptos teóricos que deben aprender teñan unha aplicabilidade directa, nunha tarefa práctica que ademais ten unha repercusión positiva na sociedade”, conclúe este docente e investigador dun proxecto que na súa anterior edición deu como resultados unha serie de vídeos que, en conxunto, superarion as 40.000 reproducións en redes sociais.