DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grupos de investigación da Universidade e a incubadora de startups HTA organizan o evento

Estudantado de graos e mestrados da UVigo participa na final da primeira edición do concurso Desafío CAD

Celébrase o mércores 11 de xuño en instalacións de Zona Franca

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 09/06/2025

Visión espacial, creatividade, resolución de problemas e manexo do software avanzado de deseño. Estas son as destrezas que as persoas finalistas da primeira edición do concurso Desafío CAD deberán acreditar para facerse coa vitoria nun reto que se desenvolverá o 11 de xuño nas instalacións da High Tech Auto (HTA), a incubadora de startups en automoción e mobilidade do Consorcio da Zona Franca de Vigo. “O estudantado de grao e mestrado da UVigo inscrito enfrontará o reto Hergome, unha proba na que terán que construír, a partir dun plano o modelo tridimensional da peza empregando o software CAD (Deseño Asistido por Ordenador) da súa preferencia. O alumnado enfrontarase deste xeito a un reto no que a velocidade de resolución é fundamental”, explica Diego Carou Porto, docente e investigador do Departamento de Deseño na Enxeñaría.

O grupos de Enxeñaría de Fabricación e de Innovación Docente Empresa e Innovación, co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, organizan o Desafío CAD coa colaboración da HTA. “O obxectivo é incentivar o traballo coas ferramentas CAD por parte do alumnado das carreiras técnicas da UVigo”, sinala Carou, que explica que a iniciativa tamén conta co patrocinio da empresa Filament2Print, que outorga o primeiro premio do concurso, un escaner 3D CR-Scan01. Pola súa banda, a firma 3DConnexion, entregará dous dos seus periféricos para aplicacións CAD ao segundo e terceiro clasificado.

Conectando Universidade e industria

“O deseño asistido por ordenador é unha das competencias máis demandadas polo tecido industrial en múltiples sectores”, explica Diego Carou, razón pola que “o Desafío CAD nace como unha iniciativa que conecta o mundo académico co tecido industrial, promovendo un achegamento do estudantado á realidade profesional”. 

Xunto á vertente competitiva, os organizadores do evento queren que este funcione como un espazo de encontro, aprendizaxe colaborativa e xeración de sinerxías entre Universidade e empresa, mesmo consideran que “a iniciativa pode contribuír a impulsar competencias que favorecen a empregabiidade do estudantado da Universidade de Vigo”. 

Nesta edición, ademais da colaboración do profesorado dos grupos de innovación docente e investigación da UVigo, o concurso tamén conta coa participación de entidades como o grupo Prescisgal, INEQ, Promega e Hergome, na preparación dos documentos técnicos e arquivos precisos.