DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na feira 'Study in Spain' que se celebra en Casablanca, Rabat e Tánxer 

Estudantado marroquí interésase pola oferta académica da UVigo

En paralelo, consolídanse relacións e estúdanse novas colaboracións con institución de Marrocos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 12/02/2025

Ata este xoves 13 de febreiro a Universidade de Vigo dá a coñecer a súa oferta académica ao potencial estudantado marroquí en Casablanca, Rabat e Tánxer, as tres cidades nas que se desenvolve a feira de captación Study in Spain, unha iniciativa promovida polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación, Sepie. A vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e o director da Área de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, son os encargados de amosar, no posto que a UVigo ten na feira, as titulacións que oferta a institución académica viguesa, así como os servizos dos que dispón. A delegación da UVigo tamén aproveita a súa presenza por vez primeira nesta feira en Marrocos para consolidar relacións e estudar novas posibilidades de colaboración nos eidos científico e académico con institucións de educación superior do país norteafricano.

“Marrocos é un país que está relativamente preto, onde hai moitísimas relacións bilaterais e onde miramos que hai un crecente interese en vir a estudar á UVigo”, confirma Maribel del Pozo, que destaca que de 30 estudantes marroquís hai dous cursos, neste 2024/2025 máis de 70 chegaron á Universidade de Vigo, “o que proba que hai interese”.  A vicerreitora de Internacionalización asegura estar gratamente sorprendida co coñecemento que o alumnado marroquí ten do sistema universitario español, “tamén saben español e moitos deles están súper interesados en vir a cursar titulacións, que nalgúns casos nós temos dificultade para encher, como as enxeñarías de Minas ou Forestal “, detalla Del Pozo, que tamén destaca o interese do alumnado pola oferta de mestrados da UVigo.

Durante a súa estancia no país norteafricano, os representantes da UVigo tamén estar a manter xuntanzas con responsables de embaixadas e consultados co obxectivo de facilitar a tramitación dos visados para axilizar a chegada dos alumnado marroquí.

Marrocos, á cabeza do alumnado africano que chega á universidade española

O reino alauí é o país africano de orixe con máis alumnado internacional entrante no sistema universitario español, que acolleu no curso 2022/2023 máis de 7000 estudantes. Coa feira Study in Spain, que o ano pasado visitaron unhas 7000 persoas, o SEPIE persegue promover a internacionalización do sistema universitario español, aumentando a mobilidade entre España e Marrocos; permitir que o estudantado marroquí se prepare na universidade española para asumir un rol activo no desenvolvemento futuro das relaciones entre os dous países e contribuír ao impulso da relacións científicas, culturais e económicas.