DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dos vídeos contra a desinformación que realizan nun proxecto de aprendizaxe-servizo

O estudantado de Publicidade e RRPP e Ecos do Sur suman forzas contra as noticias falsas 

Entre as temáticas que abordan atópase a guerra en Ucraína

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 01/04/2022

Realizar vídeos divulgativos que acheguen recomendacións xerais para saber como facer fronte á desinformación e á difusión de noticias falsas ou que rebatan os boatos, informacións sen contrastar que se difunden publicamente, dirixidos a colectivos concretos que se difunden a través da rede. Estes son os traballos que máis de 50 estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas levan a cabo co asesoramento da ONG Ecos do Sur, no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS), coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte. O obxectivo desta iniciativa, que este docente desenvolve por terceiro ano consecutivo no marco da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva, é que o alumnado se forme na creación de vídeos dirixidos a unha audiencia específica, á vez que afonda no que implican as fake news e os seus efectos en diferentes ámbitos e colectivos.

Seleccionada na convocatoria de innovación educativa en ApS impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, o proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán par a competencia dixital e mediática propón que o alumnado idee e desenvolva, en diferentes grupos, unha serie de pezas, pensadas para ser difundidas a través das redes sociais. Poden realizar, como explica Dafonte, tanto “vídeos vinculados a un colectivo ou temática”, como centrarse en ofrecer pautas xerais para a verificación da veracidade da información. “Trátase dun proxecto moi ligado aos sucesos da actualidade”, engade Natalia Monje, responsable de Comunicación de Ecos do Sur, que destaca como nesta ocasión “o alumnado decidiu traballar sobre temas como a desinformación relacionada coa guerra en Ucraína, os menores non acompañados, as persoas trans ou a saúde mental, entre outros”. Nese senso, desde Ecos do Sur destacan que “o papel dos estudantes é moi importante, pois porán en xogo as súas aprendizaxes para ‘vacinar’ á poboación contra o tipo de desinformación e discurso do odio que está a ter máis impacto nas redes sociais nestes momentos”. 

Colaboración con Ecos do Sur

Por segundo ano, as e os estudantes teñen como socio a unha ONG “cunha traxectoria fundamentalmente ligada á inmigración e que desde hai un tempo desenvolve tamén un proxecto contra a desinformación e o discurso do odio”, como salienta Dafonte. Fundada en 1991 e centrada na loita contra as desigualdades, Ecos do Sur traballa desde 2016, na “prevención e abordaxe da desinformación e o discurso do odio en internet, a través da liña CibeRespect”, unha iniciativa que recibiu o Premio á Innovación Social da Fundación La Caixa e o premio ás boas prácticas do Colexio de Traballo Social de Galicia. Nesta liña de traballo insírense diferentes proxectos de ApS que, dado o “auxe da desinformación”, ampliaron ao ámbito da comunicación. Ese é o caso de CiberRespect LINK IV, que conta co financiamento da Consellería de Política Social e no que implican, a través deste ApS, ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O obxectivo, sinala Monje, é o desenvolvemento de “ferramentas accesibles que permitan frear a vaga de odio e desinformación nas redes sociais, que impacta na vida dos barrios”, así como de “accións xeradoras de prototipos de sensibilización”, co propósito de “pór ao servizo da cidadanía os coñecementos adquiridos a través dunha plataforma dixital”.

Nese senso, alén da “sesión introdutoria inicial”, na que Dafonte afondou no “problema da desinformación e as súas manifestacións” e dos diferentes seminarios de seguimento dos proxectos, Ecos do Sur contribúe tamén a esta iniciativa “con sesións de formación en liña, nas que afondan máis na problemática da desinformación, cos seus propios materiais” e con dúas sesións virtuais de seguimento. De feito, un dos propósitos deste ApS é que o alumnado leve a cabo o seu traballo en contacto con outra serie de entidades ou con membros dos colectivos directamente afectados polos boatos que centran as súas pezas, grazas á colaboración desta ONG.

Aprendizaxe dentro e fóra da materia

Como sinala Dafonte, unha das competencias da materia na que se insire o proxecto é o desenvolvemento de pezas audiovisuais e a súa adaptación tanto ao “publico ao que se dirixen”, como á canle pola que se difundirían. De aí que os grupos teñan que presentar catro vídeos “de formato breve”, pensados para redes como TikTok ou Instagram, xunto cunha peza “en formato horizontal dunha maior duración”, concibida para plataformas como Youtube. Mais aló desta aprendizaxe, a iniciativa contribúe tamén a que o alumnado indague sobre “o gran problema que é hoxe en día a desinformación” e os seus efectos “nun tema que lles interesa”, recoñece Dafonte, que incide nese nos “bos resultados” que esta a ter deixar aberta a elección da temática, xa que “unha as cousas que o alumnado valorou máis positivamente” en anteriores edicións foi a propia aprendizaxe sobre a temática escollida. 

Por outra banda, aínda que a difusión das pezas non forme parte dos obxectivos do proxecto, a maior parte das e os participantes nas anteriores edicións levaron os seus vídeos ás redes sociais. “Nos dous anos previos houbo traballos con moita repercusión en TikTok”, recoñece Dafonte, que incide en que isto supón un “elemento motivador importante” para o alumnado, que ve como “é capaz de crear unha mensaxe que pode ter un efecto positivo e que interesa á xente”. Nese senso, o pasado curso unha peza sobre os estereotipos asociados aos trastornos mentais alcanzou en poucos días as 90.000 reproducións nesta rede social, mentres que en 2020 un traballo sobre os falsos mitos relacionados co sexo conseguía superar en dúas horas as 50.000 visitas.