Paula Vila é a única representante galega en ‘Generación Docentes’
Unha estudante do campus, seleccionada no programa para futuro profesorado da Fundación Princesa de Girona
Combina a formación coa realización de prácticas nunha escola rural
Un total de 40 estudantes de máis dunha vintena de universidades españolas participan no presente curso en 'Generación Docentes', un programa de desenvolvemento profesional para futuros profesores e profesoras cunha mirada transformadora da Fundación Princesa de Girona. Entre elas atópase a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo Paula Vila, única estudante galega seleccionada na presente edición dunha iniciativa que combina a formación en competencias docentes cunha estadía de prácticas en escolas rurais de Aragón, Estremadura, Galicia e Castela León.
“Ter sido seleccionada faime sentir orgullosa de min mesma e do meu percorrido como estudante nestes anos”, sinala Vila Costas, alumna de último curso do Grao en Educación Infantil, que viu nos últimos meses como o seu esforzo era recoñecido tanto coa súa selección para este programa como cun dos premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica, que a Xunta de Galicia outorga ao alumnado de grao con mellores cualificacións. De feito, as súas cualificacións académicas foron unha das cuestións avaliadas no proceso de selección para participar neste programa, xunto cun cuestionario e unha entrevista persoal. “Participar no programa permitíame vivir unha experiencia diferente da que aprender, enriquecerme e poder crecer persoal e profesionalmente”, salienta esta estudante do campus pontevedrés respecto da súa selección para unha iniciativa dirixida a estudantado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, promovida coa colaboración da Fundación Banco Sabadell e a Fundación Vertex Bioenergy. “Saber que estou entre as 40 participantes faime confiar máis en min e borrar límites e barreiras que unha ponse a si mesma”, recoñece Vila.
Experiencias que achegan “novas perpespectivas”
Presentado pola Fundación Princesa de Girona como “unha experiencia de desenvolvemento profesional e aprendizaxe que revolucionará” a forma de ensinar dos futuro profesorado, 'Generación Docentes' abrangue un programa formativo de carácter virtual, xunto co asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de emprendemento educativo. A estas iniciativas súmanse outra serie de experiencias, como catro meses de prácticas en centros rurais ou unha expedición pedagóxica.
Neste punto, Vila destaca como a participación nunha serie de coloquios e talleres con profesionais do mundo da psicoloxía, o emprendemento ou a educación estanlle a achegar “experiencias e novas perspectivas”, que lle permiten “ter unha formación integral e unha visión máis global” para o seu futuro labor como docente.
Das prácticas a gravación dun programa de radio
Cada edición de 'Generación Docentes' esténdese ao longo dun curso académico e combina as sesións formativas virtuais con diferentes encontros que reúnen de xeito presencial ás e aos estudantes seleccionados de diferentes puntos de España. Desta volta, a reunión de lanzamento tivo lugar na localidade catalá de S´Agaró, onde as e os participantes participaron en talleres sobre como aplicar a intelixencia artificial na aula, en sesións sobre saúde emocional ou en mesas redondas para coñecer a escola rural. Recentemente, as e os seleccionados tomaban parte nunha “expedición pedagóxica” en León, ao abeiro da que participaron tamén en múltiples iniciativas formativas e puideron coñecer o CEIP Gumersindo de Azcárate, ao que a Fundación Princesa de Girona outorgaba en 2022 o Premio á Escola do Ano.
O colexio recoñecido ao ano seguinte con este galardón, o Centro de Educación Especial Purísima Concepción de Hermanas Hospitalarias de Granada foi o escenario doutra das experiencias que este programa achegou á estudante da UVigo. Paula Vila foi unha das 15 participantes en 'Generación Docentes' seleccionadas para participar na creación dun programa de radio no que retransmitiron o acto de entrega deste premio, celebrado no mes de abril e presidido polo rei Felipe VI. “Comezamos en novembro a preparar o programa e definir os nosos roles”, sinala Vila dunha iniciativa que xurdiu “a raíz dun taller que tivemos sobre a radio educativa” e que lle permitiu ademais coñecer un colexio “que ten como obxectivo promocionar a autonomía de todas as persoas, adaptando a aprendizaxe a cada caso”.
Actualmente, Vila atópase realizando a sua estadía de prácticas, que define como unha experiencia “moi enriquecedora, que estame permitindo coñecer diferentes realidades e contextos”, o que sumado á súa experiencia previa nun colexio de Vigo posibilítalle, engade, ter “unha visión máis global da realidade educativa nos seus diferentes contextos”.