DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto desenvolvido coa metodoloxía de aprendizaxe-servizo

Unha estudante de Dirección e Xestión Pública elabora un plan de melloras para Zona Monumental

Tras estudar a súa actividade, financiamento e proxección

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/07/2024

A través da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), que busca que o alumnado poida adquirir as competencias propias dunha materia ao tempo que colabora cunha entidade ou colectivo, a profesora de Dirección e Xestión Pública Sara Torres coordinou nos últimos cursos dous proxectos desenvolvidos xunto co Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Estes levaron o alumnado da facultade a detectar unha serie de “necesidades de mellora na captación de asociados e posicionamento en redes” desta asociación e motivaron á súa vez un novo proxecto. Como explica esta docente, o seu propósito era analizar a actividade desta entidade desde un “enfoque máis global e integrador”, que permitise definir un conxunto de recomendacións e propostas “para pór en marcha novos proxectos que melloren o posicionamento e proxección” de Zona Monumental. 

Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa en ApS no marco da Axenda 2030 da Universidade, Melloras de xestión das entidades asociativas por transferencia de coñecementos do Grao en Dirección e Xestión Pública buscaba definir un plan de acción de mellora continúa que puidese achegar “solucións innovadoras” á asociación. Isto facía preciso, como sinala Torres, que este ApS fose máis aló dunha materia e permitise aplicar dun xeito global os coñecementos adquiridos no grao. De aí que o seu resultado final sexa tamén o traballo de fin de grao de Sara Couso, sendo ademais o primeiro proxecto realizado ao abeiro destas convocatorias que dá forma a un TFG. 

“Vino como unha posibilidade de axudar e de que o teu traballo non quede só nunha cualificación”, destaca esta estudante, que xa participara no ApS desenvolvido o pasado curso. Nacida como asociación en 1989, coa finalidade de contribuír á revitalización económico-comercial do casco histórico de Pontevedra, o actual Centro Comercial Urbano (CCU), constituído como tal en 2003, agrupa preto dun centenar de establecementos, dedicados ao comercio, hostalería, ocio, servizos e profesionais, emprazados nas rúas do casco histórico e do seu perímetro. 

Da diagnose ás solucións

Desde Zona Monumental lembran que os proxectos desenvolvidos nos cursos previos permitiron que os estudantes de Dirección e Xestión Pública coñecesen o funcionamento dun CCU, ao tempo que contribuían o seu labor deseñando un folleto dos servizos que presta os seus asociados e cunha análise da súa presenza en redes sociais. Mais o proxecto desenvolvido este curso levou a “un coñecemento máis profundo da entidade”, que permitiu que non só recibisen “unha diagnose”, senón tamén “solucións e propostas viables”, como tratar de impulsar novas vías de colaboración con diferentes facultades. “Estamos especialmente satisfeitos polo resultado da experiencia deste curso, porque temos xa trazado un camiño para levar a cabo as iniciativas suxeridas”, destacan desde o CCU. 

Nese senso, o traballo de Couso pon o foco en primeiro termo nos desafíos que afrontan os centros comerciais urbanos e abertos, como os cambios nos hábitos de consumo, para logo analizar a traxectoria de Zona Monumental, fontes de financiamento e servizos que presta a consumidores e asociados, así como as actividades que desenvolveu nos últimos anos. Do mesmo xeito, o proxecto buscou tamén “explorar as experiencias e perspectivas da directiva e socios sobre a xestión e funcionamento” do CCU, a través dunha serie de entrevistas, así como coñecer cunha enquisa “as percepcións e hábitos de consumo” de potenciais clientes e analizar a “presenza e estratexia en redes sociais” de Zona Monumental.

Esta análise levou á definición de recomendacións como que o CCU “debe innovar nas súas propostas e actividades”, dada a “corrente lineal” da súa programación. “Para poder chamar a atención, deberían facerse actividades que cambiasen co tempo”, sinala esta alumna, que propón ao CCU explorar novas colaboracións coas facultades de Deseño, Comunicación e a propia Dirección e Xestión Publica. 

Couso incide na necesidade de “pór en valor as accións e o papel” do CCU á hora de facer “máis atractivo” o casco histórico da cidade. En relación con este punto, resalta a importancia de “identificar novas vías de promoción” e de incrementar a “base de consumidores e clientes” do comercio local, “especialmente entre a poboación nova”, despois de constatar que a clientela dos establecementos asociados son fundamentalmente “persoas maiores de 40 anos da contorna de Pontevedra”. Ao mesmo tempo, destaca a necesidade de mellorar a súa actividade en redes sociais, pondo o foco no perfil Instagram da asociación, que podería convertese “nun megáfono publicitario”.