Recoñecido como deportista de elite da UVigo, foi esta fin de semana en Portugal
O estudante da Escola de Enxeñería Industrial Pablo Graña proclámase subcampión de Europa de piragüismo
A medalla consolídao entre os grandes especialistas europeos de C1 200 metros
O estudante da Escola de Enxeñería Industrial Pablo Graña acadou esta fin de semana a medalla de prata no Campionato de Europa de Piragüismo Sprint, disputado en Montemor-o-Velho, Portugal. O deportista galego proclamouse subcampión continental na proba de C1 200 metros cun tempo de 38.354 segundos, quedando a tan só 75 milésimas do ouro, que foi para o ruso Sergey Svinarev. O tamén ruso Aliaksandr Zubok ocupou a terceira posición nunha proba na que o estudante da Universidade de Vigo volveu demostrar que figura entre os grandes especialistas europeos desta distancia.
Apenas unhas horas despois deste importante éxito deportivo, e xa de volta en Galicia, Graña afronta outro reto ben diferente: un exame universitario. “Teño un exame nunhas horas que finalmente non me cambiaron”, explica Graña, metido xa de cheo nas últimas revisións dos seus apuntamentos, un claro exemplo de que combinar estudos e deporte de elite non é doado.
“Estou moi contento de ter acadado esta medalla de prata no europeo. Viña dun longo período de probas e pensaba que me podería pasar factura”, salienta o padexeiro, ao tempo que destaca especialmente a súa actuación na parte central da regata. “Se tivese que destacar algo da miña actuación, sería o bo rendemento no tramo medio, fronte a uns primeiros metros que non foron tan bos, polo que me queda a espiña cravada de non ter levado o ouro”.
Compaxinar os estudos coa alta competición
Estudante do Grao en Enxeñaría Mecánica e recoñecido como deportista de elite da UVigo, Graña compaxina os seus estudos cos adestramentos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Hai apenas unhas semanas, nunha reportaxe do Duvi sobre estas axudas para deportistas de elite, o estudante incidía nas dificultades de combinar ambas facetas, especialmente no segundo cuadrimestre, cando “se solapan moito as competicións cos exames”.
A través desta convocatoria, destinada a apoiar a participación de estudantes en competicións internacionais, Graña recibiu unha axuda económica para afrontar unha tempada na que se marcaba como obxectivo seguir competindo ao máximo nivel internacional e avanzar na súa preparación nas categorías olímpicas.
Un referente europeo no C1 200 metros
A prata conquistada en Portugal engádese a un palmarés internacional no que xa figuran cinco medallas europeas. En 2025 proclamouse campión de Europa na modalidade de C1 200 metros, distancia na que tamén foi subcampión continental en 2022, 2024 e agora en 2026. A estes éxitos súmanse, ademais, numerosos resultados internacionais en embarcacións de equipo, entre eles varios títulos mundiais.
O deportista iniciara esta tempada coa vista posta tanto na defensa da súa posición de referencia internacional no C1 200 metros como no obxectivo de seguir progresando na categoría olímpica de C2 500 metros, coa mirada posta nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.
Próxima parada: o Mundial de Polonia
Tras este novo éxito europeo, Graña xa pensa no seguinte desafío internacional. “A próxima cita será o Mundial de Polonia a finais de agosto”, explica o estudante e deportista, que buscará prolongar o seu bo momento de forma nunha competición na que partirá entre os aspirantes aos postos de honra da súa especialidade.
