Resultado dun curso promovido por Agareso no campus, estréase o xoves 6 na Casa das Campás
Un estudante da Facultade de Comunicación, entre os autores dun documental sobre a migración feminina a Canarias
Ángel Cea foi un dos seleccionados para realizar a rodaxe desta curtametraxe
Ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), a Facultade de Comunicación converteuse o pasado curso en sede do curso Comunicar para o cambio, do que xurdiu Mar de fóra, a curtamtetraxe documental sobre a migración feminina a Canarias, realizada polo estudante desta facultade Ángel Cea, xunto con Érika Martínez e Miriam Rodríguez. Participantes na última edición deste curso de especialización, os tres foron seleccionados para viaxar o pasado verán ao arquipélago e gravar un documental que trata de debullar a realidade das mulleres migrantes na ruta canaria. O resultado final estrearase o vindeiro xoves 6, ás 20.00 horas, na sede da Vicereitoría do campus, nun acto promovido por Agareso coa colaboración da Universidade de Vigo.
Este Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social complétase cun módulo práctico que permite aos e ás estudantes que presenten os mellores traballos de cada edición pór en práctica os coñecementos adquiridos desenvolvendo un proxecto real. Neste caso, Cea, Martínez e Rodríguez foron os escollidos para viaxar a Canarias, onde traballaron nunha documental que “trata de debullar a realidade migratoria feminina” a través das voces das súas protagonistas e das persoas que traballan directamente con elas á súa chegada ás illas, que o pasado ano recibiron 47.000 persoas migrantes.
Acompañados polo técnico de Agareso Antonio Grunfeld e polo voluntario da entidade Javier Ramos, así como polo equipo humano de diferentes entidades sociais, os responsables desta curta recolleron nas illas un conxunto de testemuños do “dobre drama migratorio” ao que se enfrontan ás mulleres que se enfrontan a este ruta, como lembran desde a asociación. “Cada vez son máis as mulleres que deciden abandonar os seus países de orixe, fuxindo da violencia e as vulneracións de dereitos e embarcarse na ruta canaria, unha das máis perigosas do mundo”, salientan desde Agareso, á vez que poñen o foco no “dobre drama” que afrontan as mulleres migrantes, “expostas a violacións, situacións de maltrato e incluso escravitude”.
Nun acto que contará coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, o autor e autoras desta curta e responsables de Agareso presentarán unha curta que recolle testemuños como o dunha moza de 17 anos que embarcou soa, xunto a 65 homes. Resultado final da XIV edición de Comunicar para o cambio, a Facultade de Comunicación acollerá, entre febreiro e abril, unha nova edición deste curso de especialización, dirixido tanto a estudantes e profesionais da comunicación, como a persoal das organizacións do terceiro sector.