DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Daniela Agudo foi a única representante da UVigo na competición disputada en Salamanca

Unha estudante de Fisioterapia logra o bronce no Campionato de España Universitario de Judo 

En xadrez, a EXP-UVigo sumou unha nova vitoria e loitará polo titulo autonómico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 15/05/2023

A pesar de concorrer cunha única deportista, a estudante da Facultade de Fisioterapia Daniela Agudo, a Universidade de Vigo logrou estar representada unha vez máis nos podios do Campionato de España Universitario de Judo, disputado esta fin de semana en Salamanca. Fíxoo, como salientan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, grazas á “excepcional” actuación de Agudo Huerta, que logrou o bronce na competición feminina de menos de 70 quilos, na que estivo moi preto de lograr o pase á final. Por outra banda, esta fin de semana disputouse tamén a penúltima xornada da Liga Galega de Xadrez, na que o primeiro equipo da EXP – UVigo venceu por 1 a 5 ao Liceo Marquiño, o que lle permitirá loitar polo título autonómico a vindeira fin de semana.

Moi preto da final

Organizado polo Servizo de Educación Física e Deporte da Universidad de Salamanca, o CEU de Judo reuniu este sábado no Polideportivo Miguel de Unamuno estudantes de 57 universidades, entre os que se atopaba Daniela Agudo, unha rapaza leonesa que adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e que atopou na UVigo o espazo no que combinar a súa carreira deportiva e académica, coa axuda da Federación Galega de Judo. Acompañada polo técnico desta federación José Carlos Garabatos, a estudante do campus pontevedrés despregou en Salamanca “un judo de moi alto nivel”, como destacan desde a Área de Benestar Deporte e Saúde.

Tras derrotar na primeira rolda a Marina Hidalgo, da Universitat Politécnica de Catalunya, Agudo logrou o pase á semifinal cunha vitoria sobre Sara López, da UNED. Alí agardábaa a posterior gañadora do ouro nesta categoría, a estudante da Politécnica de Valencia María Amparo Ramos. No seu enfrontamento, como explican desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, a deportista da UVigo “gañaba con claridade”, mais “un pequeno despiste cando faltaban escasos segundos para finalizar”, truncou as súas posibilidades desta judoka de acadar o pase á final e loitar polo ouro. Finalmente, acadou un bronce que permite á Universidade de Vigo continuar “ súa tradición de lograr subirse ao podio” nos CEU desta modalidade deportiva.

A Liga Galega de Xadrez decidirase na última xornada


 

Tamén esta fin de semana, chegou unha nova vitoria do Xadrez: Estratexia pola Paz, o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra - Universidade de Vigo, que derrotou por 1-5 ao Liceo Marquiño na penúltima xornada de competición da División de Honra, o que fai que manteña opcións de acadar, a vindeira fin de semana, o seu sexto título de campión galego. Fronte a un rival que selaba o seu descenso con este resultado, os universitarios sumaron as vitorias de David Sobrino, Pablo García, Alberto Portela, Juan Manuel Martínez e Rubén Fernández, pero viviron tamén a inesperada derrota de Daniel Rivera ante un rival inferior no ránking ELO. De aí que recoñezan o “sabor agridoce” dun resultado que fai que non dependan de si mesmos na derradeira xornada.

A falta desta última rolda, o Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa ocupa o primeiro posto con 40,5 puntos, situándose segundo o Benchosey de Pereiro de Aguiar, con medio punto menos, e terceiro a EXP-UVigo con 39,5 puntos. Este sábado, o equipo pontevedrés recibirá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ao Rianxo A, coa obriga de sumar o maior número posible de puntos e agardar polos resultados dos seus rivais. “Terémolo moi difícil, porque o noso rival está obrigado a puntuar para manter a categoría e nós non debemos deixar ir nin medio punto. Aconteza o que aconteza, o máis importante é que a nosa base, vainos facer soñar unha vez máis”, conclúe o capitán, Pablo García. 

Fóra da División de Honra, nesta xornada tamén venceron o EXP-Ramón Escudeiro Tilve, de Primeira División, e o EXP-Non á violencia de xénero, en segunda. Ademais, o club pontevedrés organizou na súa sede o segundo tramo da competición do grupo Pontevedra Norte da Cuarta División, á que concorreu con sete equipos.