DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumna de Ciencias da Educación e do Deporte, foi unha das catro integrantes do equipo español

A estudante Marta Domínguez logra o bronce no mundial universitario de squash

No torneo disputado en Exipto ao longo da pasada semana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 14/11/2022

“A experiencia foi impresionante”, recoñece a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Domínguez da súa primeira participación no Campionato do Mundo Universitario de Squash, no que logrou alzarse coa medalla de bronce. Domínguez Fernández foi unha das catro representantes coas que a federación española acudiu ao torneo disputado en Exipto e no que a deportista e estudante do campus pontevedrés logrou subir ao podio na competición individual feminina. “Para min foi un campionato moi especial, no que ves recompensado ese esforzo de adestrar e estudar á vez”, recoñece Domínguez, que hai pouco máis dun ano comezaba a competir no circuíto profesional de squash e que ocupa a día de hoxe no posto 69 do mundo no ránking mundial PSA. 

No seu cuarto curso como alumna do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Domínguez, que conta co recoñecemento de deportista de elite da Universidade de Vigo, vivía no Cairo a súa primeira participación nun mundial universitario, á que acudiu convocada polo Consejo Superior de Deportes (CSD), xunto con outros tres deportistas españois. Nun torneo que reuniu a 49 deportistas de 13 países, Domínguez convertíase na primeira estudante da UVigo en alzarse cunha medalla nun mundial universitario de squash, 

Na primeira rolda da competición, Domínguez superaba en tres sets a surafricana Teagan Leigh Roux, para logo medirse á xogadora de Hong Kong Po Yoi Kirstie Wong, á que derrotou tamén por 3-0, certificando a súa clasificación para a loita polas medallas. Xa en semifinais, a estudante do campus pontevedrés tivo que medirse á exipcia Sana Ibrahim, número 30 do mundo no ránking PSA. Nun encontro disputado “nunha pista exterior de cristal, que era incrible”, Domínguez foi superada por 3-1 pola xogadora local, que remataría proclamándose campioa do mundo tras derrotar na final á tamén exipcia Nour Aboulmakarim. Finalmente, ao non disputarse o partido polo terceiro posto, tanto Domínguez como a outra seminifalista, a suíza Cindy Merlo, foron recoñecidas coa medalla de bronce.

Unha “grande experiencia”, dentro e fóra da pista

“Poder xogar un campionato do mundo, nunha pista como esa e con ese ambiente, é algo que non se dá todos os días”, sinala Domínguez do torneo disputado no Cairo entre o pasado luns 7 e o domingo 13, no que competiu tanto no torneo individual como na competición por equipos. “A medalla fíxome especial ilusión porque paréceme un recoñecemento ao traballo e o esforzo de adestrar e estudar á vez, que é algo moi difícil, sobre todo coas longas viaxes que supón o circuíto profesional”, sinala esta deportista. “Para min foi un campionato moi especial”, engade dun torneo no que os competidores e competidoras eran tamén estudantes universitarios. Nese senso, destaca tanto a súa experiencia nun campionato no que puido medir forzas ante xogadoras “que están no 40 do mundo”, como o feito de que a competición se vise completada coa posibilidade de “visitar as pirámides e realizar un cruceiro polo Nilo”. 

Catro de catro no torneo por equipos

Nese senso, Domínguez Fernández retorna tamén con moi boas sensacións da súa participación no campionato por equipos, no que España quedou fóra da loita polas medallas, pero no que esta deportista pechou con vitoria os catro partidos que disputou. O equipo español abriu a fase de grupos fronte a Exipto, que se proclamaría campioa este domingo, e caeu derrotada por 2-1, despois de que Nilo Vidal perdese con Moustafa Elsirty e Pablo Garrido con Yahya Elnawasany. Domínguez lograría, co seu triunfo ante Yana Shiha en cinco sets, a única vitoria española neste primeiro enfrontamento, como acontecería despois con Corea, cando superou por 3-0 a Ye Wong Jang, mentres que Vidal e Alvaro Gaitán caían fronte a Seung Min Park e Dong Hyun Ji, respectivamente. Na terceira rolda, España non puido tampouco co combinado de Hong Kong, pero Domínguez volveu gañar o seu partido, desta volta fronte a Nga Ching Cheng. Fóra dos cruces polas medallas, España pechou a súa participación medíndose a África do Sur nos partidos que definían os postos quinto a noveno, acadando desta volta a vitoria. Fíxoo grazas ao triunfo de Nilo Vidal sobre Tristen Worth e a vitoria de Domínguez sobre Helena Coetzee.