DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Busca facilitar o acceso á Universidade de beneficiarios e solicitantes de protección internacional

Un estudante venezolano estrea a liña de axudas para refuxiados da UVigo

Jhonatan Reiley cursa o Máster en Dirección Integrada de Proxectos en Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/02/2022

O 14 de marzo de 2020, poucas horas antes de que se decretase o Estado de Alarma, chegaba a Galicia o venezolano Jhonatan Reiley, solicitante de protección internacional, que iniciaba deste lado do Atlántico unha nova etapa vital, profesional e tamén formativa, converténdose no presente curso en estudante do Máster en Dirección Integrada de Proxectos. Facíao como un dos dous seleccionados na convocatoria de axudas impulsada no presente curso pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación co propósito de facilitar o acceso aos estudos universitarios de beneficiarios e solicitantes de protección internacional. 

“As bolsas dirixidas a persoas refuxiadas son unha moi boa iniciativa de integración e pluralidade de oportunidades”, recoñece Reiley, quen lembra que, alén da situación sanitaria provocada pola covid-19, os últimos anos viron marcados “por unha crise social”, na que “moitos vimos” na migración “unha posible solución”. Dirixidas a “facilitar ás persoas refuxiadas a realización de estudos, preferentemente oficiais, que permitan a súa integración no noso país”, como explica a directora da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, Henar Quintas, as bolsas que neste curso 2021-2022 se convocaban por primeira vez están dotadas cunha contía máxima de 3000 euros, que englobaba os gastos de matrícula, unha dotación económica en concepto de axuda de manutención e residencia e a realización na Universidade “dun curso de galego ou castelán que facilite a súa integración”. Nesta primeira edición, explica, recibíronse “seis solicitudes válidas” e outorgáronse dúas axudas, seguindo criterios como “a nota media do expediente e o currículo, así como a presentación dunha carta de aval por parte dunha ONG”.

“Non podo dicir que deixara Venezuela”

Dirixida a que as persoas refuxiadas poidan matricularse preferentemente nalgunha titulación oficial, aínda que abertas tamén a titulacións propias de especialista, esta convocatoria axudou a que Reiley se convertese en alumno do mestrado interuniversitario en Dirección Integrada de Proxectos, que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. Titulado en Enxeñaría Civil pola Universidad Central de Venezuela, Reiley atopou neste máster, que conta con tres especialidades (Edificación e Desenvolvemento Territorial, Sistemas de Información e Ocio e Deporte), unha titulación vinculada á súa traxectoria laboral coa que “crecer profesionalmente”. Nese senso, recoñece que lle está permitindo tanto ampliar os seus coñecementos “como mellorar as habilidades par a xestión de proxectos, mediante a integración de boas prácticas profesionais en diferentes contornas”, á vez que pon de relevo “o nivel dos profesores e a súa profesionalidade”. 

Residente en Vigo coa súa familia, Reiley chegou a Galicia o mesmo día que a covid-19 obrigaba a iniciar un confinamento de preto de catro meses. De aí que recoñeza o “complexo” dunha situación na que houbo que “empatizar con tantos temores e trámites”, pero na que tamén destaca terse atopado “grupos de apoio e organizacións nas que foron marabillosos a nivel de comprensión e apoio” e que contribuíron a que se sentise “en todo momento acompañado”. Preto de dous anos despois, recoñece que “Galicia é fermosa” e que as súas fillas “están encantadas” aquí, ao mesmo tempo que afirma que “non podo dicir que deixara Venezuela como tal”. A este respecto, sinala que “para min Venezuela é o que fago e o que represento en cada cousa”, de tal xeito que, “desde que selaron o meu pasaporte no aeroporto de Maiquetía, non deixei de estar en modo Venezuela”.

Tanto el como moitos outros “decidimos e intentamos deixar de pensar en fronteiras”, denuncia, posto que no seu país “os que controlan as cousas non queren que Venezuela sexa o que debe ser, porque dalgunha forma non lles convén”. De aí que á vez que recoñece que, de darse a oportunidade, sería “máis que grato” quedar en Galicia, tamén admite que “aínda soño con levantarme e ver o teito de madeira, escoitar o croar das ras despois da chuvia, a brisa e a auga tibia das praias”. Non obstante, preguntado por un posible retorno ao seu país natal nun futuro, sinala que “a xente que facía a miña Venezuela, a que me pon nostálxico, xa non está alá”, senón espallada “por distintas partes do mundo, polo que sería difícil tomar esa decisión”. 

Unha liña de axudas con vontade de continuidade

“Esta é a primeira vez que se fai unha convocatoria específica para este colectivo e faise con vocación de continuidade”, sostén Quintas, que lembra que son cada vez máis as universidades que poñen en marcha este tipo de bolsas, nas que foron pioneiras as situadas en zonas “receptoras dun maior número de persoas migrantes e, por tanto, tamén refuxiadas”. Tras o seu impulso, o obxectivo, sinala a directora da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, é “consolidar a convocatoria”, dándolle continuidade e tratando de ampliar a súa dotación, despois de que no presente curso quedasen sen bolsa varias persoas candidatas, á vez que manterse en contacto “coas principais entidades sociais da contorna que traballan con este colectivo”, co propósito de proporcionarlles a atención necesaria “para garantir a súa integración nos nosos campus”. 

Nese obxectivo de “avanzar na integración” das persoas refuxiadas, Quintas lembra que a Universidade de Vigo impulsou en 2015, de acordo coas directrices da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), “diversas accións destinadas a integrar alumnado e profesorado pertencente ao colectivo de refuxiados sirios”, así como a participación do persoal docente en “diferentes proxectos, tanto de investigación, como de educación, destinados a mellorar as condicións de vida” das persoas refuxiadas e demandantes de protección internacional. Nese obxectivo, Quintas pon tamén de relevo a importancia do “traballo en rede entre universidades”, tanto no referido a “homologar e facilitar os procedementos administrativos”, como á hora de abordar “algúns retos que dificultan” o acceso dos refuxiados e refuxiadas á universidade, como a falta de documentos. “Temos que ter en conta que moitas das persoas refuxiadas non teñen a posibilidade de volver aos seus países para obter documentos orixinais ou realizar as correspondentes legalizacións, xa que son países en conflito ou nos que a súa vida está en risco”, subliña co propósito de pór de relevo a necesidade de que o marco lexislativo dea resposta "as particularidades deste colectivo”.