DUVI

Diario da Universidade de Vigo

66 representantes do alumnado participan en Pontevedra na XVIII asemblea da Anecafyde

Estudantes de 30 universidades debaten no campus sobre o futuro de CC da Actividade Física e do Deporte

As sesións de traballo compleméntanse con actividades formativas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/03/2019

66 representantes do alumnado que cursa o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte en 30 universidades españolas participan en Pontevedra na XVIII asemblea xeral ordinaria da Anecafyde (Asamblea Nacional de Estudiantes de Ciencias de la Actividad Física y del Deporte), un encontro dirixido a debater sobre o presente e futuro desta titulación e dos seus alumnos e alumnas. Da man da Delegación de Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a asemblea desenvólvese entre este xoves e este domingo no campus pontevedrés e faino ademais cunha das súas participacións máis elevadas desde a constitución da Anecafyde en 2010, xa que neste encontro están presentes 30 das 39 universidades que forman parte deste colectivo de representación estudantil. 

Precedida este mércores dunha xornada formativa, esta 18 asemblea celebrou na sede da Vicerreitoría o seu acto inaugural, coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto; a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, Alfonso Mandado; o presidente da Anecafyde, Ángel Torés, e o vogal do colexio oficial Colef-Galicia Javier Prieto. A capacidade do propio alumnado, “unha parte fundamental, básica, da Universidade”, de promover este encontro e reunir nel a representantes de 30 universidades, “capaces de asumir os seus propios retos de futuro e sentarse a dialogar sobre o que vai ser a súa carreira profesional” foi un dos aspectos destacados por Soto dunhas xornadas “que deben ser moi interesantes para o voso futuro profesional”, engadiu Riveiro. Nese mesmo senso, Mandado lembrou aos e ás asistentes que “sodes o futuro da ensinanza e a práctica do deporte”, mentres que Javier Prieto, vogal de futuros profesionais do Colef-Galicia e ex-alumno da facultade puxo o acento na importancia da cooperación “entre o colectivo que representa aos estudantes e o colectivo que representa os profesionais”, á vez que lembrou aos e ás asistentes “que representades aos milleiros de estudantes da nosa carreira que hai en España”. 

Definición dun novo plan estratéxico

Estudante da Universidad Politécnica de Madrid, Ángel Torés, que o pasado mes de novembro relevaba á estudante do campus Lara Piñeiro á fronte desta asociación, puxo o acento en que esta é unha “asemblea un pouco especial”, xa que o seu obxectivo central é definir o que será o novo plan estratéxico da asociación. “Queremos que a asemblea decida cales son as liñas estratéxicas do que nós como estudantes podemos achegar ás Ciencias do Deporte”, salientou Torés, que apuntou como principal reto da Anecafyde tratar de contribuír “a mellorar a titulación para que sexa útil á sociedade”.

Nese senso, as xuntanzas de grupos de traballo para abordar este novo plan estratéxico sucederanse nas xornadas de venres e sábado nunha asemblea que, tralo acto inaugural, trasladou a súa actividade a Ciencias da Educación e do Deporte, onde ademais da asemblea xeral ordinaria, desenvolvéronse este xoves unha serie de talleres sobre “captación de estudantes nas propias delegacións ou sobre dinámicas de grupo para xerar unha maior cohesión e un mellor traballo en equipo”, coa participación dos investigadores da Universidad de Alcalá Luis Cereijo, fundador da Anecafyde, e Pedro de Apellániz, explica o membro da delegación de estudantes da facultade e director de comunicación da Anecafyde, Matías Zelayarán.

Xornadas formativas

No marco desta asemblea, Ciencias da Educación e do Deporte acolleu tamén, na tarde deste xoves, unha mesa de debate “sobre o pasado, presente e futuro da titulación”, aberta a todas as persoas interesadas, na que participaron Luis Cereijo e o profesor da Universidade da Coruña Rafael Martín Acero. Tamén aberto a todo o alumnado interesado, este venres ás 9.30 horas terá lugar un coloquio que abordará a investigación sobre deporte desde a perspectiva de xénero, coa participación das profesoras María Martín, da Politécnica de Madrid, e Pedrona Serra, do Instituto Nacional de Educación Física de Cataluña.

Por outra banda, a asemblea viuse precedida este mércores por unha xornada formativa, promovida pola delegación de estudantes coa colaboración da facultade e do Consello Social da Universidade. Integrada por sete conferencias, a xornada tivo neste caso como eixo “o papel dos graduados no ámbito da saúde, xa que hai moito debate de se a nosa profesión pode chegar a abordar temas de saúde ou non”, explica Zelayarán, un dos representantes da facultade na xunta directiva da Anecafyde, xunto co tesoureiro Marcos García. Con este obxectivo, a xornada contou coa participación do especialista en exercicio físico para poboacións con necesidades especiais David Gil, da experta en actividade física, embarazo e posparto Aida Soraluce, do preparador físico e readaptador do RC Celta Pedro Docampo ou do cardiólogo do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo Rafael Vidal. “Quixemos traer a conferenciantes que se dedican a traballar con xente no ámbito da saúde e que demostran como axuda o deporte nestas situacións”, salienta Zelayarán.