DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco alumnos realizarán unha estadía na institución académica viguesa ao abeiro dun convenio

Estudantes do Anand-International College of Engineering abrirán unha nova etapa na relación da Universidade con India 

O docente Iván Area acaba de regresar de Jaipur onde impartiu un curso 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/03/2019

300.000 enxeñeiras e enxeñeiros e 150.00 profesionais das novas tecnoloxías gradúanse cada ano nas universidades da India, “un país emerxente, de grande dinamismo, no que hai 300 millóns de persoas de clase media e moitas familias desexosas de enviar aos seus fillos e fillas a estudar a Europa. Non se pode non estar na India”, asegura Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo.  Ante a perspectiva de que se produza unha intensificación da cooperación entre o país asiático e o sistema universitario europeo, particularmente nos ámbitos da biotecnoloxía, as TIC, as tecnoloxías limpas, as smart cities ou os materiais de fabricación, Doval lembra que a Universidade de Vigo “ofrece formación de calidade en todos eses campos”. A día de hoxe Vigo xa conta con dous convenios subscritos con institucións académicas indias, co National Institute of Inmunology, para o intercambio de estudantes e co Anand-International College of Engineering, do que nas próximas semanas chegarán á Universidade de Vigo cinco estudantes para realizar unha estadía dun mes, “un primeiro movemento co que trataremos de achegar unha distancia cultural, para que teña un efecto multiplicador para ambas as dúas institucións”, explica a vicerreitora.

Precisamente do Anand-International College of Engineering acaba de regresar o docente e investigador do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo Iván Area. No centro, localizado en Jaipur, e ao abeiro das actividades que desenvolve o Cimpa (Centro Internacional de Matemáticas Puras Aplicadas), do que é secretario xeral, Area impartiu un curso centrado nos polinomios ortogonais. “Na India hai unha tradición moi forte de traballo en funcións especiais e, en particular, en polinomios ortogonais. Neste sentido, é unha gran responsabilidade impartir un curso, e máis aínda cando o auditorio está formado por persoas especialistas na materia”, explica Area, que tamén ofreceu no Poormina School Engineering un relatorio xunto a A.V. Pskhu docente e investigador da Russian Academy of Sciences.

India: un país estratéxico, pero pouco explorado

Aínda que Maribel Doval lembra que os países lusófonos son o principal foco de interese para a Universidade de Vigo á hora de atraer alumnado e fomentar o intercambio de persoal docente e investigador e de administración e servizos, recoñece que India pode ser un país estratéxico. “Para o noso alumnado ir á India suporía o poder regresar con mellores capacidades interculturais e lingüísticas, así como obter unha experiencia internacional no seu expediente. O PDI e o PAS podería coñecer o funcionamento doutro sistema educativo diferente, así como aprender novas ideas e compartir boas prácticas”, detalla a vicerreitora, que asegura que non se trata só de “vender” Universidade de Vigo, senón tamén de colaborar.

“Con India, igual que co resto dos países buscamos, sinerxías para facer cousas interesantes e esperamos que como resultado logremos conxuntamente mellorar as capacidades profesionais, sociais e interculturais e a empregabilidade do noso estudantado e persoal; fomentar colaboracións en docencia e investigacion e, finalmente, atraer talento e aumentar o número de estudantes e docentes internacionais”, detalla Doval, que avanza que durante este mandato se traballará na materialización de mobilidades e proxectos conxuntos de estudantes, PDI e PAS. 

Traballo de cooperación ao desenvolvemento in situ

Tras máis dunha década sen viaxar á India, Area asegura percibir importantes cambios no país, “se ben é certo que visitei estados diferentes, percíbese un gran progreso e desde o punto de vista académico sempre é un pracer impartir docencia a un auditorio interesado”, explica, en relación cos 50 asistentes ao curso impartido no Anand-International College of Engineering. O docente e investigador da Universidade de Vigo considera ademais que na cooperación ao desenvolvemento “cómpre combinar o traballo de organización e planificación co traballo in situ”.

Area colabora desde o ano 2010 co Cimpa, “unha asociación que está dentro do nivel 2 da Unesco e que ten por misión fundamental a promoción das matemáticas nos países en desenvolvemento”, financiada pola Unesco e polos estados francés, español, noruegués e suízo, aos que se agarda se incorpore este ano ou o seguinte Alemaña.