DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao longo de todo o día na céntrica rúa do Vilar

Estudantes de Belas Artes levan ás rúas de Compostela a mostra de Jannis Kounellis

Con dúas performance baseadas nos conceptos do artista italiano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 28/03/2008

Con motivo da exposición de Jannis Kounellis que se atopa na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago, esta institución apostou pola participación de novos artistas da Facultade de Belas Artes para difundir este importante evento e achegar a obra do autor á cidadanía. O obxectivo é “abrir as portas da Fundación e levar á rúa, mediante dúas performance, a mostra do recoñecido artista italiano e facela visible ao público que camiña polos arredores da rúa do Vilar”, explicou Ana Gesto, unha das estudantes de último curso de Belas Artes e autora da acción Manto Nocturno que representará ás sete da tarde. Xunto a ela, Marta Fariña e Marta López son as outras novas artistas que desde as once da mañá deste venres amosan a súa permormance Deshaceryhacer.Comolímitedeltiempo, na que mesturan os conceptos de Kounellis cos que estas dúas rapazas xa están creando. “É unha oportunidade moi boa para os que aínda non rematamos a carreira, facer cousas relacionadas co mundo artístico para darnos a coñecer”, comentou Marta López antes de comezar a súa acción. “Ademais é unha dobre responsabilidade, polo feito de facer un traballo para unha entidade tan importante como a Fundación e pola confianza que desde a facultade depositaron en nós ao seleccionarnos”, engadiu Ana Gesto, a estudante que pechará a xornada.

"Deshaceryhacer.Comolímitedeltiempo"

A primeira acción consiste na construción de unha estrutura en forma de parede mediante telas dobradas. Posteriormente realizase un desdobrado das telas que se irán estirando e amontoando ata baleirar a estrutura. Durante o proceso, as artistas verán limitados os seus movementos á superficie xerada polos tecidos, provocando deste xeito que sobre cada un deles queden pegadas dos seus pés, como unha evidencia do camiño recorrido. O concepto que as estudantes queren transmitir é a memoria do que sucedeu, do que se lembra e do que poden suxestionar certas accións ou feitos. Desde a sutileza e o silencioso, por medio dun acto ritual e poético ponse en escena unha multitude de aspectos simbólicos que invitan a que cada espectador os faga seus a través das diferentes sensibilidades que ten o ser humano.

"Manto nocturno"

A xornada completase ás sete da tarde coa acción Manto Nocturno de Ana Gesto. Nesta ocasión, a autora fará un percorrido ataviada cun abrigo feito cun somier de cama, representando o manto nocturno de Isis que a converte na garda da fecundidade, e cunhas zocas de madeira, relacionadas co traballo tradicional galego arcaico e precario, conceptos que marcan o traballo desta nova artista. No camiño, a protagonista recollerá do chan elementos de ferro oxidado asociados ao reciclaxe, un a un os introduce nas vestiduras, agrandando o seu ventre e construíndo así un embarazo sociocultural. Ao remate do percorrido, liberase das zocas e do manto para deitarse, taparse con el e desvanecerse nun desasosegado soño.