DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto 'Lapassion', traballaron con alumnado de diferentes países e titulacións

Estudantes do campus deseñan proxectos a prol da infancia e das mulleres en Brasil e Uruguai

Desenvolveron aplicacións, un filtro de auga e unha plataforma de inserción laboral

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/05/2019

Un filtro de auga de baixo custo, unha plataforma de axuda á inserción laboral de mulleres en situación de risco, unha aplicación para combater a obesidade infantil e unha app que propón xogos a nenos e nenas. Estes son catro das propostas que, coa participación de catro estudantes do campus, alumnado de diferentes países e titulacións desenvolveu nas últimas semanas en Brasil e Uruguai no marco das actividades do proxecto Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for an Innovation Oriented Network), unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ na que participan 15 institucións de España, Portugal, Finlandia, Brasil, Chile e Uruguai, entre as que figura a Universidade de Vigo a través do Campus Crea.

Coordinado polo Instituto Politécnico do Porto, o proxecto promoveu nas cidades brasileiras de São Luís e Uberaba e na capital de Uruguai unhas estadías de dez semanas nas que tomaron parte os alumnos do campus Patricia Gómez, Javier González, Alejandra Castro e Rocío Solla e nas que o alumnado debía traballar no desenvolvemento de proxcetos interdisciplinares dirixidos a promover melloras para a comunidade. Como balance destas semanas, cada sede acolleu nestes días un Demo Day, unha xornada de presentación de proxectos, que se viu precedida á súa vez por unha serie de xuntanzas dirixidas a avaliar os procesos de calidade deste proxecto, no que a Universidade de Vigo é responsable do plan de calidade; nas que participaron os docentes de Belas Artes Silvia García e Ignacio Barcia e o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Oswaldo García.

Da calidade da auga á inserción laboral das mulleres

Contribuír á mellora do índice de desenvolvemento humano (IDH) no estado brasileiro de Maranhão constituía o reto ao que estudantes de cinco países se enfrontaron no campus do Instituto Federal de Maranhao (Ifma), en Sao Luis. Reto que o grupo que integraban Javier González, alumno do máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, tres estudantes das áreas de química e enxeñaría do Ifma e un alumno do Instituto Federal de Alagoas (Ifal) centrou na mellora da calidade da auga potable na poboación de Santo Amaro de Maranhão. “Percibimos que o 30% da poboación do lugar corresponde a estudantes e decidimos pór o noso foco nos colexios”, explica González Penedo dun traballo que os levou a desenvolver o prototipo dun filtro reciclable, ecolóxico e baixo custo de bambú”, que foi recibido “con moita aceptación entre a poboación do lugar”.

Esta proposta foi presentada no Demo Day celebrado no Ifma este xoves, ao igual que o proxecto desenvolvido polo grupo que a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Patricia Gómez compartía cunha cunha estudante de agroecoloxía do Instituto Federal do Amazonas (IFAM) e dous estudantes de sistemas de información e enxeñaría civil do Ifma. No seu caso, o desafío centrouse en “propor un servizo dixital para axudar ás mulleres en situación de risco en São Luís”, o que lles levou a deseñar unha plataforma dirixas a apoiar ás institucións publicas que traballan con este colectivo de cara a inserilas no mercado laboral.

Dúas aplicacións dirixidas á infancia

Coordinadas pola Universidad de la República (Udelar) e a Universidad Tecnolóxica (Utec), as estadías de Lapassion en Montevideo centráronse na definición de dirixidas a mellorar as condicións de vida da infancia. Nesta sede, a alumna de CCSS e da Comunicación Rocío Solla traballou xunto a estudantes de deseño industrial, medicina e enxeñaría do Udelar e do IF Sul no deseño dunha aplicación “deseñada para combater o altísimo índice de obesidade infantil” neste país. “Tentamos seducir ao neno mediante o xogo da importancia da alimentación na súa saúde”, explica Solla do prototipo dunha app que rexistaría a actividade do neno e que de detectar unha suba de peso “lanzaría unha alerta ao sistema de saúde”. 

Tamén alumna de CCSS e da Comunicación, Alejandra Castro, traballou en Montevideo xunto a catro alumnas das áreas de psicoloxía, deseño da paisaxe, enxeñaría civil e deseño industrial, no deseño dunha aplicación. “O meu equipo detectou que os nenos pasaban moito tempo coa tecnoloxía e os pais queixábanse de non ter tempo para xogar cos rapaces”, explica Castro da situación que as levou a desenvolver Bondiveo, “unha app de transporte público que lanza desafíos para os nenos e os seus acompañantes sobre os lugares polos que pasa o autobús”, buscando así promover “a interacción do neno co mundo que lle rodea”. 

Unha experiencia enriquecedora

“A experiencia foi tremendamente enriquecedora, aínda que máis esixente do que inicialmente pensaba”, salienta Solla dunha estadía que lles permitiu tamén participar en diferentes talleres, como aquel no que se encargaron na Utec de reparar e personalizar os xoguetes de diferentes nenos e nenas. A posibilidade de “descubrir outros puntos de vista, outras formas de traballar e vivir” é así mesmo un dos aspectos salientados por Castro dunha  estadía que rexistrou nun blog como parte do seu traballo final para o mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.“Traballar nun ambiente internacional e mergullarse nunha nova cultura sempre é unha magnífica maneira de crecer como persoa”, engade González mentres que Gómez salienta como “moi positiva e chea de aprendizaxes” unha estadía que lle permitiu tamén participar como auxiliar de conversa nas aulas de español da Universidade Federal do Maranhão.