176 alumnos e alumnas de sete titulacións traballaron durante meses en grupos multidisciplinares
Estudantes do campus presentan no 23º Congreso de Traballos Colaborativos 18 proxectos convertidos en “anacos de realidade”
As propostas tratan de dar resposta a retos e demandas da sociedade
Tras varios meses de traballo conxunto en grupos interdisciplinares, estes xoves era o día de presentar resultados. 176 estudantes de sete titulacións do campus de Vigo amosaron os seus proxectos na 23 edición do Congreso de Traballos Colaborativos, unha iniciativa docente que busca fomentar o intercambio de coñecementos, experiencias e proxectos entre as futuras e futuros profesionais así como sensibilizalos sobre os desafíos e oportunidades que formula a sociedade actual.
Ao longo de toda a mañá, cada grupo, formado por estudantes de diferentes titulacións, foi presentando os seus traballos no salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial. En total 18 proxectos desenvoltos baixo un enfoque social, co obxectivo de achegar melloras á sociedade e ofrecer respostas a retos e demandas en forma de “anacos de realidade”, como os definía o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, coincidindo coa celebración da edición número 20 do congreso.
Entre outras propostas, esta mañá puidéronse ver gafas intelixentes para persoas con discapacidade visual; un alcoholímetro portátil e outro antiarranque; un robot autónomo de transporte para situacións de emerxencia e terreos adversos; un sistema de mellora da iluminación viaria nocturna en zonas rurais ou de baixo fluxo de tráfico; un GPS para persoas con discapacidade; un dispensador intelixente de medicamentos; un sistema de IA para a detección de maltrato infantil en redes sociais ou test rápidos de enfermidades de transmisión sexual. Pero se algo predominaba entre as propostas presentadas eran as App, aplicacións móbiles con diferentes usos e para diversos eidos, dende a orientación académica ao coidado de mascotas, pasando pola xestión e busca de aparcamento, o acompañamento de persoas maiores ou a organización de experiencias e eventos.
176 estudantes, sete titulacións e dez docentes
Nesta edición do Congreso de Traballos Colaborativos participaron 176 alumnos e alumnas dos graos de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Biomédica, Enxeñaría en Organización Industrial, Enxeñaría Eléctrica, Química, Tradución e Interpretación e Dereito, baixo a coordinación de dez profesores e profesoras das distintas titulacións. Ao fronte desta iniciativa están dos docentes da EE Industrial José A. Alonso Rodríguez, Lucía Díaz Vilariño e José Luis González Cespón, que explican que “a idea deste congreso xurdiu no ano 2011co convencemento de que as materias que impartimos deben estar conectadas coa sociedade e, ademais, cubrir as competencias de traballo en equipo”. Tamén a multidisciplinariedade é un aspecto importante do proxecto, polo que apostaron por implicar nel a estudantes de diferentes titulacións, escolas e facultades, xerando así un verdadeiro traballo colaborativo. Neste sentido, salientan que unha das demandas máis habituais na selección de persoal son as ‘soft skills’ ou habilidades brandas’ como o traballo en equipo, dotes comunicativas, curiosidade, innovación, etc. aspectos todos eles traballados no transcurso desta iniciativa formativa e que lles servirán ás e aos futuros egresados no seu futuro laboral.