DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade do proxecto europeo ‘Lapassion’ que se desenvolverá de xeito virtual

Estudantes do campus realizarán proxectos a prol da inclusión xunto a alumnos de diferentes países

Seleccionaranse tres persoas para participar nunha iniciativa coordinada desde Brasil

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/06/2021

A Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, é un dos 15 socios do proxecto europeo Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for an Innovation Oriented Network), que ten como obxectivo dotar ao alumnado de competencias transversais a través da súa participación, xunto a estudantes de diferentes países e áreas de coñecemento, en proxectos multidisciplinares que traten de xerar melloras para a comunidade na que se desenvolven. No marco deste proxecto, coordinado polo Instituto Politécnico do Porto, catro estudantes do campus participaron en 2019 nas estadías que tiveron lugar en Uruguai e Brasil e prevíase que entre marzo e maio de 2020 o alumnado pontevedrés formase parte tamén dos equipos que ían desenvolver proxectos dirixidos a promover melloras en materia de inclusión e accesibilidade na cidade brasileira de Pelotas. A covid-19 impediu entón o desenvolvemento desta iniciativa que finalmente levarase a cabo de xeito virtual, ente setembro e novembro deste ano. Tres estudantes do campus poderán formar parte dos equipos de traballo que se articulen no marco deste proxecto, tendo as e os interesados de prazo ata o venres 18 de xuño para presentar as súas candidaturas a través do correo electrónico cbhe-lapassion@uvigo.es.

Esta convocatoria está aberta aos e ás estudantes que no presente curso estean matriculados nalgúns dos graos ou mestrados da Universidade no campus de Pontevedra e que conten cun nivel acreditado de inglés B1. Coordinada polo Instituto Federal Sul-río.Grandense, esta actividade levarase a cabo entre o 1 de setembro e o 5 de novembro e terá como eixo temático o fomento da accesibilidade con sistemas de asistencia.

Un xeito diferente de ampliar a formación

Como “unha experiencia diferente e moi interesante para o alumnado” define o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, a participación nas diferentes estadías que se engloban no proxecto Lapassion, financiado polo programa Erasmus+ con preto dun millón de euros e do que forman parte 15 institucións de España, Portugal, Finlandia, Brasil, Chile e Uruguai. O seu principal obxectivo, lembra, é promover a adquisición de habilidades transversais, como traballo en equipo, liderado, xestión de conflitos ou capacidade de negociación, promovendo, que “persoas con formacións, idiomas e culturas diferentes, sumen esforzos na resolución dun problema”. 

Nese senso, prevese que 55 estudantes de diferentes países participen nunha actividade que se desenvolverá de xeito virtual, combinando, como explica Souto, “as reunións virtuais nas que todos os compoñentes do grupo terán que discutir, pensar e facer, coa parte de traballo que cada quen desenvolva pola súa conta”. Nese senso, aínda que a experiencia “non sexa igual de intensa e enriquecedora” que a das estadías de dez semanas que Lapassion impulsaba antes da pandemia, a modalidade virtual facilita que as e os seleccionados poidan compaxinar mellor os seus estudos cun proxecto que lles achegará unha serie de competencias “moi valoradas polas empresas”.