DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Conservando Km 0 desenvolverase coa agrupación Adercou

Estudantes de Ciencias colaborarán con entidades rurais para mellorar o procesado e conservación de froitas e verduras de proximidade

Trátase dunha iniciativa de aprendizaxe-servizo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Ourense 02/09/2021

Profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e Adercou, grupo de desenvolvemento rural que agrupa a 17 concellos limítrofes da cidade de Ourense, porán en marcha este curso académico o proxecto Conservando Km 0. Nel alumnado universitario e asociacións rurais colaborarán para mellorar o procesado e conservación de froitas e verduras de proximidade cando acadan o seu máximo de produción cada tempada.   

A iniciativa é unha das once financiadas no marco da convocatoria de proxectos de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, destinada a fomentar unha metodoloxía activa centrada en que o alumnado aprenda facendo un servizo á comunidade. Lideran o proxecto as profesoras da Facultade de Ciencias Inmaculada Franco (Área de Tecnoloxía dos Alimentos), Elena Falqué (Área de Química Analítica) e Concepción Pérez Lamela (Área de Nutrición e Bromatoloxía). Para o seu desenvolvemento asinouse entre a institución académica e Adercou un convenio que dá pulo á colaboración puntual xa existente anteriormente en actividades formativas e que xorde coa idea de facilitar ao alumnado universitario o contacto con asociacións rurais e a organización de actividades de interese.

Case unha trintena de estudantes dos últimos cursos do Grao de Enxeñaría Agraria e do Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental participarán este curso académico no proxecto. Segundo explican desde a súa organización, o obxectivo de Conservando Km 0 será achegar ao alumnado a realidade da contorna, permitíndolle desenvolver ademais dunha aprendizaxe autónoma traballo en equipo dunha forma multidisciplinar, en contacto con asociacións e xente do rural que están a traballar con produtos agroalimentarios de autoconsumo. Ademais, engaden, permitirá ás e aos participantes achegar solucións, ideas e innovación sobre a composición, calidade e conservación de froitas e verduras dende a perspectiva sanitaria e nutricional.

Prolongar a vida dos produtos

Os produtos de proximidade, principalmente froitas e verduras, sinalan as responsables do proxecto, reivindican unha nova forma de entender a alimentación cimentada no desenvolvemento sostible e no compromiso cos produtores. Neste contexto, as profesoras da Facultade de Ciencias indican que “é significativo nas producións agrícolas a variación estacional da produción e consumo dos seus produtos, sendo a súa oferta alta durante a tempada de colleita”. Estes alimentos frescos, engaden, poden procesarse e conservarse para o consumo durante períodos prolongados co emprego de tecnoloxías que permitan alongar a súa vida útil e diminuír as perdas destes alimentos. Tendo en conta estas circunstancias, no proxecto Conservando Km 0 considérase que “é necesario e imprescindible a optimización dos recursos e da actividade económica para o desenvolvemento da produción e o máximo aproveitamento destes alimentos”, apuntando que “existe unha necesidade social de formular e realizar actividades formativas dirixidas aos produtores e interesados para alcanzar estratexias axeitadas que poidan contribuír ao seu desenvolvemento”. Unha necesidade social que, indican desde a iniciativa, vincúlase directamente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

As actividades do proxecto desenvolveranse no segundo cuadrimestre do curso 2021/22. O alumnado, tutelado polo profesorado implicado, comezará coa busca de información sobre cultivos e produción de tempada e a preparación de temas que permitan trasladar ás asociación rurais aspectos relacionados coa composición, calidade e conservación de froitas e verduras desde a perspectiva sanitaria e nutricional. O proxecto continuará coa preparación con Adercou das actividades para trasladar o traballo feito ás entidades sociais e persoas interesadas. Así, está prevista a realización de charlas-talleres en centros ligados a Adercou centradas en como se poden ter produtos de proximidade durante todo o ano aplicando diferentes formas de conservación e a elaboración de dípticos de difusión. Estas actividades realizaranse con diversos cultivos e produtos de diferente tempada e completaranse coa abordaxe da adecuación do etiquetado en produtos frescos e/ou elaborados.

Este programa, indican desde a súa organización, permitirá que o proxecto se converta nunha iniciativa enriquecedora onde se producirá unha “retroalimentación real” entre os actores participantes, xa que, sinalan, o alumnado coñecerá a situación que se está a vivir no rural co abandono do campo e as dificultades do relevo xeracional e, por outra parte, as e os universitarios achegarán coñecemento e capacidade social a este ámbito. O desenvolvemento do proxecto Conservando Km 0, comentan por último as súas responsables, contribúe á adquisición por parte do alumnado de competencias transversais comúns nas tres materias de grao e mestrado implicados na iniciativa, que son Ampliación de Tecnoloxía Alimentaria, Análise Instrumental e Acondicionamento Organoléptico. Estas competencias, detallan, abranguen a análise, organización e planificación; a aprendizaxe autónoma e xestión da información; a resolución de problemas e toma de decisións e traballo en equipo de carácter interdisciplinar. Tamén, engaden, nesta iniciativa quérese favorecer nas e nos alumnos competencias como a adaptación a novas situacións con creatividade e innovación, a capacidade de razoamento crítico e autocrítico e a motivación pola calidade con sensibilidade cara temas ambientais.