DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa inserida no proxecto europeo ‘Lapassion’, que se desenvolve de xeito virtual

Estudantes de diferentes países deseñan aplicacións para facer máis accesible a cidade brasileira de Pelotas

Dous representantes do campus forman parte dos grupos de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 02/11/2021

O desenvolvemento do Demo Day, un encontro virtual no que sete grupos de estudantes presentan unha serie de proxectos dirixidos a xerar melloras en materia de inclusión e accesibilidade na cidade brasileira de Pelotas pon fin esta semana a LAPASSION@Pelotas. Coordinada polo Instituto Federal Sul-río-Grandense, no marco do proxecto europeo Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for an Innovation Oriented Network), esta iniciativa levou a alumnado de diferentes países e disciplinas a traballar conxuntamente, ao longo de dez semanas, en proxectos dirixidos a dar resposta a unha serie de retos en materia de inclusión social. Entre eles, a alumna de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Raquel Ordoñez e o egresado deste mesmo centro David Álvarez, seleccionados na convocatoria aberta polo Campus Crea para unha actividade que a pandemia converteu en virtual e na que traballaron no deseño de dúas aplicacións, unha centrada nas necesidades dos usuarios e usuarias de cadeiras de rodas e outra dirixida a achegar á cidadanía de Pelotas información tanto sanitaria como farmacéutica.

Coordinado polo Instituto Politécnico de Porto, Lapassion é un proxecto dirixido a dotar ao alumnado de competencias transversais a través da súa participación, xunto a estudantes de diferentes países e áreas de coñecemento, en proxectos multidisciplinares que traten de xerar melloras para a comunidade na que se desenvolven. 15 institucións de España, Portugal, Finlandia, Brasil, Chile e Uruguai, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, forman parte dun proxecto financiado polo programa Erasmus+, Lapassion, que en 2019 levou a catro estudantes do campus ás estadías que tiveron lugar en Uruguai e Brasil, tras as que ían chegar outras iniciativas como a prevista para Pelotas, que a covid-19 obrigou en primeiro termo a adiar e, finalmente, a converter en virtual. Así, desde setembro, preto de 50 estudantes de Brasil, Portugal, Chile, Finlandia ou España integran os sete grupos de traballo, titorizados por docentes do IF Sul-río-Grandense, que levan a cabo unha serie de proxectos, que tiñan como eixo temático o fomento da accesibilidade con sistemas de asistencia e como punto de partida os retos que lles propuñan empresas ou institucións.

Unha aplicación para persoas en cadeiras de rodas

“Crecer como investigadora e tentar aprender o máximo posible de todas as experiencias que poidan xurdir dende a Universidade” foi o que levou a Raquel Ordoñez, alumna do doutoramento en Equidade e Innovación Educativa, a participar neste proxecto internacional, que a súa vez, sinala, “axúdame a establecer redes de colaboración con outros países e institucións”. Xunto a un enxeñeiro eléctrico, unha alumna de doutoramento en Educación e Tecnoloxía e unha estudante de Arquitectura e Urbanismo, todos eles brasileiros, Ordoñez traballou no deseño dunha app ideada para dar resposta ao reto formulado por unha empresa que comercializa cadeiras de rodas. A proposta que debían deseñar, explica, debía ter como punto de partida a idea de “como vender a cadeira de rodas apropiada para cada usuario e usuaria” e o resultado final foi MyWay, unha aplicación que “rexistra as necesidades específicas de cada usuario ou usuaria, a súa actividade diaria e información relativa á zona na que vive, xerando un perfil completo que relaciónao directamente coa cadeira de rodas óptima”. 

Coa idea de que fose así mesmo un proxecto “inclusivo e humanitario”, dotaron a esta aplicación de apartados como un glosario con definicións e información sobre “as distintas discapacidades motrices”, tras detectar “moitísimo descoñecemento da terminoloxía”, explica Ordoñez. Así mesmo, incluíron tamén no seu proxecto un apartado dirixido a xerar “redes de comunicacion” entre persoas en cadeiras de rodas e outro que lles permitise á súa vez pórse en contacto cos diferentes “grupos e asociacións que traballan coa discapacidade motriz”. 

Accesibilidade aplicada ao eido sanitario

Graduado en Educación Primaria, David Álvarez pon de relevo “o interesante de participar en proxectos Erasmus+ como este, que achegan unha serie de coñecementos, habilidades e destrezas que non che dá a educación formal”. No seu caso, traballou ao longo das últimas dez semanas con  seis estudantes “dunha grande variedade de titulacións, desde a enxeñaría, a medicina ou a farmacia, ao turismo e a publicidade”, nun proxecto que vinculaba a accesibilidade co eido sanitario. O resultado final foi o deseño da app Ceron, dirixida a servir “como unha canle de comunicación entre médicos e pacientes”, que achegase á cidadanía de Pelotas tanto información referida ao seu centro de saúde, como cuestións farmacéuticas.

O proxecto tivo á súa vez como punto de partida “o contexto social e tecnolóxico e os problemas de accesibilidade” de diferentes colectivos, explica Álvarez Caneda, que incide en como a posibilidade de conxugar “as habilidades e coñecementos de estudantes de moitos niveis e áreas” foi o que permitiu “enriquecer este proxecto”. Alén da experiencia que supuxo este traballo interdisciplinar, este graduado incide tamén no interesante dunha iniciativa na que as xuntanzas dos grupos de traballo foron combinándose con actividades formativas relacionadas co design thinking, a creatividade, a inclusión, a intelixencia emocional ou a accesiblidade, a cargo de docentes de diferentes universidades participantes en Lapassion.