DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas promovidas polo Campus Crea na EE Forestal

Estudantes de diferentes programas de doutoramento poñen en común as súas liñas de investigación

A través dos pósters presentados por preto de 20 alumnos e alumnas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/11/2021

Dar a coñecer o seu traballo e, á súa vez, coñecer tamén eles mesmos as liñas de estudo doutros investigadores e investigadoras. Isto é o que propuña ao alumnado de doutoramento as Xornadas de Investigación Campus Crea, que este xoves se desenvolven na Escola de Enxeñaría Forestal. Organizadas pola Vicerreitoría co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, preto de 20 investigadores e investigadoras dan a coñecer neste evento as investigacións que desenvolven no marco das súas teses, a través dunha serie de pósters que presentaron ao resto de participantes neste encontro.

“Penso que é unha actividade moi enriquecedora para eles, porque entran en contacto cun formato moi habitual nos congresos”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, que incide en que plasmar unha investigación nun póster obriga a “explicar o traballo dun xeito moi concreto e sintético”. Do mesmo xeito, esta actividade buscaba tamén que o alumnado se enfrontase á exposición pública da súa investigación, que foron presentando ao resto de asistentes ao longo dunha xornada á que asistiron tamén, explica Souto, “estudantes de primeiros cursos de doutoramento”, co obxectivo de que se “familiaricen con este tipo de formatos”. 

Aposta polo interdisciplinar

Máis aló de “pór en valor, co apoio do Consello Social, ás investigacións da xente nova”, estas xornadas buscaban tamén contribuír a pór en contacto investigadores de diferentes eidos. “Queríamos tamén que houbese certo cruce de información, en canto a que se reúnen ámbitos moi diferentes, xa que sempre poden xurdir colaboracións que a priori poden difíciles de ver”, sinala Souto, que incide en que “o espírito do Campus Crea é buscar a interdisciplinariedade, que xente de diferentes ámbitos sume esforzos para crear cousas novas”. 

Con esa idea, entre os pósters presentados figuraban desde a investigación sobre o breaking, unha danza urbana, de Alberto Pérez Portela, ata os estudos que, no marco do doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, Cristina Vera e Alejandro López centran, respectivamente, no uso do material audiovisual doméstico e do texto nos procesos de creación artística. Entre os traballos defendidos figuraban así mesmo o estudo comparativo entre a revolución de Amarna, no Antigo Expito, e a comunicación gráfica na actualidade de Lucía Verdugo e a investigación de Ana Vieira e Anabela Mesquita sobre o desenvolvemento de competencias de comunicación a través da gamificación

Por outra banda, a interdisciplinariedade é tamén un dos sinais de identidade do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, representado por estudos como o que Verónica Sánchez centra nos programas de educación en parentalidade positiva de nais e pais en Galicia, o de Susana Souto sobre o dereito de exercicio de acción pública ou a análise sobre a aplicación das novas tecnoloxías á comunicación do sector téxtil de Marcos Alonso, así como polo traballo no que André Leite explora o uso da imaxe secuencial na creación de series de ficción. Xunto a estas propostas presentáronse tamén estudos como do Esteban Canle sobre as posibilidades dos videoxogos para xerar personaxes e narrativas que fomenten a representación de persoas con autismo ou o que Joana Filipa Sousa centra nas estratexias de comunicación e compra online no sector da xoiería portuguesa, no marco do doutoramento en Comunicación. Alumna deste mesmo programa, Susana Mónica da Cruz falou da súa investigación sobre o papel das relacións públicas na política de internacionalización das institucións de ensino superior, mentres que Ángelo Telmo Monteiro abordou a comunicación dixital das pemes portuguesas e Bruno Franco Castelo presentou un estudo etnográfico sobre os fesivais de San Xoán de Braga e a cidade brasileira de Fortaleza.